A Asociación Sarricanta celebrará un acto especial con motivo do Día das Letras Galegas

SarriaXa
Aínda que tradicionalmente a entidade organiza a conmemoración o propio 17 de maio, este ano a actividade trasládase por motivos organizativos ao 24 de maio
sarricanta-2022
26 Apr 2025

A Asociación Sarricanta celebrará o vindeiro 24 de maio un acto especial con motivo do Día das Letras Galegas, unha data emblemática dedicada á lingua e á cultura galegas. Aínda que tradicionalmente a entidade organiza a conmemoración o propio 17 de maio, este ano a actividade trasládase por motivos organizativos e terá lugar no local da Unión, a partir das 19:30–20:00 horas.

O evento, que conta coa colaboración do Concello de Sarria, reunirá diversos colectivos culturais da localidade, entre eles o propio grupo Sarricanta, Cantareiros, o grupo de teatro Rebuldeira e a Banda de Música de Sarria.

A cita será nun espazo interior da Sociedade A Unión para maior comodidade do público: “Será dentro porque pode facer frío e a xente sentada pode coller frío”. O programa incluirá música, cantos, unha representación teatral, así como outras sorpresas pensadas para todas as persoas que queiran participar, xa que será un evento aberto a todo o público.

Como é tradición, a homenaxe xirará arredor da figura á que se dedica este ano o Día das Letras Galegas. “Sempre facemos homenaxe á persoa á que están dedicadas as Letras Galegas, e este ano, ao estar dedicado ás cantareiras e pandereteiras, e ao ser algo tan noso, será moi especial”, adiantan.

A intención da Asociación Sarricanta é clara: “Queremos facer un acto da lingua e da nosa cultura. O máis importante é poñer en valor a cultura e iso primámolo sempre; e neste acto, máis aínda, xa que defendemos a lingua galega”, destacan.

Este evento reforza o compromiso de Sarricanta coa promoción do patrimonio cultural galego e súmase ás múltiples iniciativas que, ano tras ano, manteñen viva a tradición de celebrar e protexer o idioma e a identidade de Galicia.

⚙ Configurar cookies
0.15293097496033