A Banda de Música da Comarca de Sarria celebra o seu terceiro aniversario cun concerto especial

SarriaXa
A actuación, que terá lugar o 28 de novembro na Igrexa do Rosario, servirá tamén para pechar a tempada 2026 cun percorrido polas principais pezas interpretadas ao longo do ano
Banda-de-Música-Comarca-de-Sarria-Semana-Santa-2025
23 Nov 2026

A Banda de Música da Comarca de Sarria (BMCS) celebrará o seu terceiro aniversario cun concerto especial o sábado 28 de novembro, ás 20:00 horas, na Igrexa de Nosa Señora do Rosario. A actuación, que coincide arredor da festividade de Santa Icía, patroa dos músicos, terá a particularidade de estar dirixida polos catro directores que estiveron á fronte da formación durante esta tempada: Jesús López Prado, Marcos Fernández Varela, Manuel Montero López e José Luis García Díaz.

O recital será unha viaxe polos principais éxitos do repertorio da banda ao longo deste terceiro ano, con pezas que formaron parte de citas como o III Festival de Bandas Comarca de Sarria, o XX Festival de Bandas "Pepe Guntín" de Vilalba, a Noite Meiga ou o festival Blues no Camiño. O programa incluirá pasodobres como "Las Arenas", "Agárrate Saxo", "Carpio" e "Churumbelerías"; a muiñeira "Muiñeira das Croas"; obras de concerto como "October" e "A Viaxe de Teucro", e recopilatorios tributo como "Nino Bravo en Concierto" e "Benny Goodman The King of Swing".

A celebración chega nun momento de crecemento para a BMCS. A súa escola de música, ERIMCA (Escolas Rurais Integradas de Música da Comarca de Sarria), cumpriu dous meses de funcionamento e xa conta con 80 alumnos. O proxecto, orientado especialmente a achegar a cultura bandística aos colexios e ás localidades do rural, tamén espertou o interese da Federación Galega de Bandas de Música Populares. Dous dos seus directivos, Antonio Ibáñez Pardo e Adrián Balboa Valcarce, foron convidados a presentar a iniciativa nunha ponencia na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela o pasado 25 de outubro.

O concerto marcará tamén o inicio dunha cuarta tempada na que a banda pretende manter as súas principais citas e ampliar a oferta formativa e cultural, con especial atención á Semana da Banda. Entre as actividades previstas figuran o IV Festival de Bandas Comarca de Sarria, o Obradoiro de Vento Madeira e o Obradoiro de Dirección de Banda, aos que se sumará como novidade un Obradoiro de Vento Metal e Percusión.

0.14464497566223