A Banda de Paradela actuará durante a Feira de Ano e a Festa de San Cibre do Concello
O vindeiro 14 de maio terá lugar a XXII Feira de Ano e a Festa de San Cidre do Concello de Paradela.
Esta iniciativa, organizada por Adespa e na que colabora a Asociación de Mulleres de Paradela e que patrocina o propio concello, acollerá diferentes actividades, como a Feira de Maquinaria Agrícola e a Feira de Artesanía.
Así, o recinto feiral de Paradela será o lugar onde se celebren estas actividades, que comezarán ás 10.30 horas coa chegada ao multiusos do gando participante na exposición gandeira.
A partir das 11.00 horas, abrirase a exposición para todos os asistentes e ás 12.00 horas actuará a Charanga de Paradela. Xa pola tarde, ás 17.00 horas terá lugar o desfile de carros e gando do país, acompañados pola Banda de Paradela, que será antesala da misa que terá lugar no campo da feira.
Ás 19.00 horas dará un concerto a Banda de Paradela e ás 20.00 horas actuará a Orquestra Trébol. Pola noite, os asistentes poderán desfrutar a partir das 21.00 horas o produto de luxo Tenreira Galega Suprema, así como o pan de Paradela e o viño da Ribeira Sacra. O día terminará con festa e verbena da man da Orquestra Trébol.