A Biblioteca Camilo Gonsar dedica unha nova edición de Simposios Salvaxes á Noite Meiga

A Biblioteca Camilo Gonsar de Sarria acollerá este mércores, 10 de xuño, unha nova edición de Simposios Salvaxes, unha iniciativa que busca dar visibilidade ao talento, á creatividade e ao compromiso cultural das persoas que contribúen á conservación e promoción das tradicións locais.
Nesta ocasión, a sesión estará centrada na Noite Meiga, unha celebración que vén de recibir o recoñecemento oficial como Festa de Interese Turístico de Galicia, consolidando así a súa relevancia dentro do calendario festivo e cultural galego.
O encontro contará coa participación de tres persoas estreitamente vinculadas á organización desta cita: Belén Fernández, Iván Pereiro e Julio Francisco “Gua”, membros da Asociación Meigas e Trasgos, entidade impulsora dunha celebración que cada ano reúne a milleiros de persoas en Sarria arredor da tradición, a música e a cultura popular.
A conversa estará moderada por Julio Páramo e ofrecerá ao público a oportunidade de coñecer de primeira man a evolución da Noite Meiga, o traballo desenvolvido pola asociación ao longo dos anos e os retos de futuro para continuar fortalecendo unha das festas máis emblemáticas da comarca.
A actividade celebrarase ás 20.00 horas nas instalacións da Biblioteca Camilo Gonsar e está aberta á participación da cidadanía interesada en afondar no patrimonio cultural e festivo de Galicia.