A Biblioteca de Sarria convoca o Certame de Narración e Debuxo Infantil 'Letras Galegas 2025'

SarriaXa
Os traballos gañadores, tres por cada categoría, serán seleccionados para representar a Sarria na fase provincial do certame
Biblioteca-Sarria
1 May 2025

A Biblioteca Pública Municipal Camilo Gonsar de Sarria convoca a fase local do Certame de Narración e Debuxo Infantil 'Letras Galegas 2025', unha iniciativa que busca fomentar a creatividade, a expresión artística e o uso da lingua galega entre a mocidade.

Poderán participar todas as nenas e nenos de ata 16 anos, divididos en tres categorías segundo a súa idade: a categoría A, para menores de ata 8 anos; a categoría B, de 9 a 11 anos; e a categoría C, de 12 a 16 anos.

Nesta edición, a temática proposta é 'Ler é coñecemento', e as persoas participantes poderán presentar ben unha narración escrita en galego, cunha extensión máxima dun folio por unha soa cara, ben un debuxo en papel ou cartolina de tamaño A4. Tamén é posible presentar ambas modalidades.

O prazo para entregar os traballos remata o luns 12 de maio de 2025, e deberán entregarse directamente nas instalacións da Biblioteca Pública Municipal Camilo Gonsar.

Os traballos gañadores, tres por cada categoría, serán seleccionados para representar a Sarria na fase provincial do certame, convocada pola Biblioteca Pública de Lugo.

A organización anima á participación masiva da mocidade local para celebrar as Letras Galegas desde a lectura, a escrita e a expresión artística.

⚙ Configurar cookies
0.19083690643311