A Biblioteca Municipal de Sarria consolida o seu crecemento con máis préstamos, visitantes e participación

SarriaXa
Os datos de 2025 amosan un incremento significativo da actividade da Biblioteca Municipal Camilo Gonsar respecto ao ano anterior
Biblioteca-Sarria
9 Jun 2026

A Biblioteca Municipal Camilo Gonsar de Sarria continúa reforzando o seu papel como un dos principais espazos culturais e de encontro da vila. Os datos correspondentes ao ano 2025 reflicten un notable aumento tanto no uso dos seus servizos como na participación da cidadanía nas diferentes iniciativas organizadas ao longo do ano.

No apartado de préstamos bibliográficos, a biblioteca rexistrou un total de 6.086 operacións, o que supón un incremento de 827 respecto a 2024. Tamén aumentou o número de visitantes, alcanzando as 15.669 persoas, 1.411 máis que no exercicio anterior.

Outro dos indicadores que evidencia a boa saúde da actividade cultural da biblioteca é a participación nas propostas e eventos desenvolvidos durante o ano. En total, 7.442 persoas asistiron ás distintas actividades programadas, unha cifra que supera en 2.031 participantes a rexistrada en 2024.

Desde o servizo municipal destacan que estes resultados poñen de manifesto a importancia da Biblioteca Municipal Camilo Gonsar como espazo de lectura, convivencia e dinamización cultural. Ademais, sinalan que estas cifras serven de estímulo para continuar ampliando os servizos, promovendo novas actividades e facilitando o acceso á cultura a toda a veciñanza.

0.1293420791626