A cabalgata de Papá Noel encheu Sarria con vehículos clásicos e máis de 300 nenos e nenas

SarriaXa
O desfile, organizado polo Club Clásicos Sarria co apoio do Concello, percorreu o centro da vila e rematou na Praza da Vila cunha chocolatada para a rapazada
cabalgata-de-Papa-Noel-Club-Clásicos-Sarria
24 Dec 2025

A cabalgata de Papá Noel encheu Sarria de cor, música e ambiente festivo nun desfile no que participaron doce vehículos clásicos e máis de 300 nenos e nenas pertencentes a distintas entidades deportivas da vila.

A iniciativa, organizada polo Club Clásicos Sarria coa colaboración do Concello, contou coa implicación de colectivos como a SD Sarriana, o CB Sarria, DhGalicia, Os Meigallos, o club de patinaxe Anca e os grupos de ximnasia rítmica Atalaia, Xirandela e Aixa, que acompañaron o percorrido polas rúas do centro urbano.

O desfile partiu da estación de tren e avanzou pola Rúa da Liberdade, Diego Pazos e Matías López ata concluír na Praza da Vila. Alí, todos os nenos e nenas participantes foron recibidos cunha chocolatada como peche da xornada festiva.

Posteriormente, na Casa do Marqués, os máis pequenos tiveron a oportunidade de saudar a Papá Noel e a O Apalpador, aos que puideron entregar as súas cartas. A cita contou tamén coa presenza do Grinch, que sorprendeu cunha chamativa carroza decorada con renos, engadindo un toque de humor e orixinalidade á celebración.

⚙ Configurar cookies
0.072005987167358