A carreira popular Sarria 10K celebrarase finalmente o 13 de decembro

SarriaXa
A xornada deportiva incluirá percorridos de 10 e 5 quilómetros, unha andaina e carreiras infantís con saída desde o centro da vila
Sarria-10k-2025
12 Oct 2026

A carreira popular Sarria 10K cambia a data no calendario deportivo. A organización trasladou a celebración da proba ao 13 de decembro, despois de modificar a xornada inicialmente prevista, o 29 de novembro, debido á coincidencia coa convocatoria de eleccións xerais.

A competición, impulsada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo e o Concello de Sarria, coa colaboración de CC Norte e Running Sarria, volverá ofrecer diferentes modalidades para facilitar a participación tanto de atletas habituais como de persoas afeccionadas ao deporte.

O programa comezará ás 10.30 horas coas categorías sub14 e sub16, que deberán completar un circuíto de 2.500 metros. Dez minutos máis tarde será a quenda dos participantes sub10 e sub12, cun percorrido de 1.500 metros. Ás 10.45 horas coincidirán a saída da carreira de 5 quilómetros e a proba dos máis pequenos, que percorrerán 200 metros. Un minuto despois iniciarase a andaina, tamén de 5 quilómetros.

A distancia principal, de 10 quilómetros, arrancará ás 11.00 horas. O paseo do Malecón e a rúa da Liberdade, no núcleo urbano de Sarria, concentrarán o desenvolvemento da xornada.

Na edición anterior, a cita reuniu arredor de 500 participantes nun trazado integramente urbano, caracterizado pola súa rapidez. Na categoría absoluta masculina, Jorge Puig Malvar acadou a primeira posición, por diante de Jarno Pousada Troitiño e Ismael Viéitez Porto.

0.16770696640015