A CIG convoca unha concentración pola falta de cobertura do posto de conserxe no CPI Ramón Piñeiro

SarriaXa
O sindicato denuncia que o Concello de Láncara leva máis de dous meses sen cubrir unha baixa que afecta ao funcionamento do centro educativo
colexio-Láncara
28 May 2026

A Confederación Intersindical Galega (CIG) convocou unha concentración diante do CPI Ramón Piñeiro para este xoves 28 de maio ás 10.00 horas, en protesta pola falta de cobertura do posto de conserxe do centro.

Segundo denuncia o sindicato, o Concello de Láncara non está a asumir as súas responsabilidades ao non substituír a persoa que ocupa esta praza, que se atopa de baixa médica desde o pasado 25 de marzo. Tras máis de dous meses, o posto continúa sen ser cuberto, o que está a xerar dificultades no funcionamento diario do centro.

O CPI Ramón Piñeiro conta unicamente cun posto de auxiliar administrativo e outro de conserxe, sendo este último o único achegado polo Concello ao colexio. A baixa prolongada desta persoa obrigou ao equipo directivo e ao persoal administrativo a asumir tamén estas funcións, especialmente nun momento do curso con maior carga de traballo debido a exames, avaliacións, matrícula e actividades de fin de curso.

Hai aproximadamente un mes, o equipo directivo do centro solicitou formalmente ao Concello a cobertura urxente da praza, unha petición á que tamén se sumou unha asociación de nais e pais do alumnado. Segundo explica a CIG, ningunha destas solicitudes recibiu resposta.

O sindicato critica ademais a explicación ofrecida polo Concello, que xustifica a falta de substitución pola inexistencia de listas de contratación. A CIG considera esta argumentación insuficiente e lembra que os trámites para solicitar persoal de substitución ao Servizo Público de Emprego deberían terse realizado hai tempo.

Desde a central sindical cualifican de “grave irresponsabilidade” esta situación, ao entender que a ausencia de conserxe afecta directamente á organización e ao funcionamento dun centro con 235 alumnos e alumnas, así como á atención da comunidade educativa no seu conxunto.

0.10544991493225