A concentración moteira de Sarria confirma a actuación de Neverloura no seu programa

A IV Concentración Motera de Sarria, organizada por Sarria Bikers, xa comeza a perfilar o seu programa coa confirmación dunha das actuacións destacadas da fin de semana. O evento, que se desenvolverá os días 15, 16 e 17 de maio, contará o venres á noite coa actuación da orquestra Neverloura ás 23:30 horas, seguida da sesión musical de Dj Cendoi.
Ao longo das tres xornadas, a concentración combinará rutas en moto pola contorna, unha das principais propostas da cita, con diferentes actividades de convivencia como comidas colectivas e eventos musicais.
A programación arrancará o venres 15 de maio no campo da feira cunha pancetada popular aberta á veciñanza, cun prezo de 5 euros, que estará amenizada por un grupo musical. O sábado dará comezo cunha ruta moteira que continuará cunha sesión vermú amenizada pola charanga Eravisto. Posteriormente, os participantes desprazaranse ata Portomarín para participar nunha xornada de pinchos.
Xa pola tarde, o programa inclúe xogos populares e unha exhibición de stunt a cargo de Balles e Pichu. Pola noite, tras un percorrido con fachos polas rúas de Sarria, celebrarase unha cea de confraternidade seguida dunha verbena.
A xornada do domingo incluirá unha nova ruta, nesta ocasión pola zona de Vilasouto, antes da comida final, na que tamén se realizará a entrega de premios e o sorteo de agasallos.
A inscrición para os moteiros terá un custo de 50 euros polos tres días e incluirá a participación en todas as actividades gastronómicas previstas, como a pancetada do venres, os almorzos, os pinchos, a cea do sábado e o xantar do domingo.