A deficiente iluminación en moitas zonas de Sarria é motivo de queixas por parte dos veciños e o PP

SarriaXa
O Partido Popular de Sarria denuncia “a deficiente iluminación en moitas zonas do casco urbano de Sarria, polo que entendemos as queixas dos veciños e veciñas”, sinala a portavoz, Carmen José López.
Sarria sen luz
18 Nov 2023

O Partido Popular de Sarria denuncia “a deficiente iluminación en moitas zonas do casco urbano de Sarria, polo que entendemos as queixas dos veciños e veciñas”, sinala a portavoz, Carmen José López.

Así, explican que “o Concello asinou o contrato da luz máis caro da historia de Sarria, pero a vila está peor iluminada ca nunca”. Os concelleiros populares esixen, polo tanto, ao goberno local “que actúe para poñer solución”.

Unha das zonas máis afectadas é a do Chanto, sosteñen, xa que tanto a explanada coma a ponte que conecta as zonas de dous pavillóns de Sarria e que empregan moitos usuarios do ximnasio municipal ou da piscina climatizada, atópanse practicamente a escuras e, polo tanto, “é habitual atopar a xente empregando os seus móbiles para iluminar. É inconcibible”, subliña a popular.

Este caso concreto xa foi exposto polos populares no pleno, pero “o goberno local aínda non foi quen de solucionar o problema e acabamos de enterarmos pola prensa que a Xunta de Goberno autorizou o pago de 3,3 millóns de euros con motivo da conclusión das actuacións de renovacióndas luminarias, unha renovación subvencionada polo IDAE con fondos europeos, que se ben noutras vilas e cidades deu lugar a un aforro importante no consumo da luz para as arcas municipais non está a ter o mesmo efecto en Sarria", critican.

Máis lugares con iluminación deficiente

Por outra parte, apuntan a outros puntos onde se rexistran situacións de iluminación deficiente como o tramo urbano do mosteiro da Magdalena ata a ponte da Áspera que coincide co Camiño Francés; as rotondas de entrada en Sarria e a entrada a Sarria por Farbán ou tamén na rúa do Mazadoiro.

A portavoz condena a "escasa intensidade das luminarias en xeral ao que hai que sumar a tardanza en reparar as avarías porque as rúas pasan longos períodos sen luz.

Carmen José López lembra, ademais, que “a responsable do contrato ten detectado 179 luminarias menos que as contempladas na oferta da empresa”.

Esta situación “é chamativa” tendo en conta que “se cambiaron as luminarias por luces LED cunha subvención do IDAE nunha actuación que suporía un aforro no custe da factura que noutras vilas supera o 60%, pero en Sarria non só non se aforra, senón que pagamos máis e vemos menos”, concluíu.

0.15645909309387