A Deputación amosa o seu respaldo á Sarriana antes dun partido decisivo en Astorga

SarriaXa
O equipo de Sarria xógase a permanencia na Segunda Federación nas dúas últimas xornadas de liga
Apoio-SD-Sarriana
25 Apr 2026

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, desprazouse ata o campo da Ribela para trasladar o apoio da institución provincial aos xogadores da SD Sarriana antes dun encontro clave para o seu futuro na categoría. O conxunto sarriao afronta este domingo ás 12.00 horas, en Astorga, un duelo determinante na loita pola permanencia na Segunda Federación.

O presidente do club, xunto con representantes institucionais, visitou este venres ao cadro de xogadores e ao corpo técnico nos vestiarios do estadio municipal para amosarlles o seu respaldo de cara a este importante compromiso e ao tramo final da tempada.

A Sarriana contará ademais co apoio dun numeroso grupo de afeccionados, xa que arredor de 250 seguidores acompañarán ao equipo en Astorga. Os xogadores adestrados por Dani Giménez xogaranse gran parte das súas opcións de continuidade na categoría tanto neste encontro como no último partido da tempada, que disputarán na Ribela fronte ao Rayo Cantabria.

Espérase que a afección branca teña unha presenza destacada nas bancadas do estadio da Eragudina, onde o balón comezará a rodar ao mediodía. A falta de dúas xornadas para o remate da liga, a SD Sarriana ocupa a décimo cuarta posición do grupo primeiro con 40 puntos, un menos ca o Astorga. Por diante sitúanse o Langreo e o Rayo Cantabria con 42 puntos, mentres que o Real Valladolid Promesas suma 39 e permanece en postos de descenso.

0.11011600494385