A Deputación aproba conceder 250.000 euros ao Concello do Incio para rehabilitar a Casona

A Deputación de Lugo destinará 250.000 euros ao Concello do Incio para colaborar na rehabilitación da Casona, un inmoble emblemático situado no centro da vila que será recuperado para poñelo a disposición da veciñanza.
A voceira socialista do Goberno provincial, Pilar García Porto, destacou que a aprobación desta achega chega un mes despois do compromiso adquirido pola presidenta da Deputación, Carmela López, co alcalde durante unha visita oficial ao municipio.
A institución provincial tramitou o convenio despois de que o pleno da Deputación aprobase este martes a cesión do inmoble ao Concello do Incio. O acordo foi impulsado pola presidenta e contou coa unanimidade da corporación provincial.
A partir de agora, será o Concello do Incio o encargado de levar a cabo a recuperación da Casona. A Deputación de Lugo é a primeira administración en aprobar a súa colaboración económica co proxecto.
A actuación prevista contempla a rehabilitación da planta baixa, a creación dun espazo semicuberto cunha pérgola de madeira, a mellora do xardín e das zonas exteriores, así como a recuperación do antigo anexo e a construción dunha pista multideporte.
As obras abranguerán tanto o edificio como a súa contorna, situada no centro da vila e conectada coa Praza da Cruz. García Porto sinalou que o obxectivo é conservar este edificio histórico e recuperar o seu protagonismo na vida social e cultural do Incio.