A Deputación de Lugo destina 310.000 euros a actuacións en Láncara e Quiroga

A xunta de goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres dous convenios de colaboración cos concellos de Láncara e Quiroga, que suman un investimento provincial de máis de 310.000 euros para actuacións de mellora de infraestruturas, posta en valor do patrimonio e promoción turística.
No caso de Láncara, a Deputación achegará 250.000 euros para financiar a mellora de camiños municipais nas parroquias de Pedreira, Láncara, Trasliste, Vilar de Toirán, Ronfe e Vilambrán.
As actuacións previstas inclúen a apertura de cunetas, a reparación de desperfectos, a pavimentación con aglomerado en quente e a execución de sinalización horizontal. O obxectivo é mellorar a mobilidade da veciñanza e facilitar os accesos tanto ás vivendas como ás explotacións agrogandeiras.
Pola súa banda, a institución provincial tamén deu luz verde a un convenio co Concello de Quiroga, ao que destinará máis de 60.000 euros para desenvolver actuacións relacionadas coa posta en valor do patrimonio, a promoción turística e a dinamización social do municipio.
O acordo permitirá crear un roteiro para divulgar a historia da siderurxia do ferro na Toca, mellorar a sinalización dos recursos turísticos de Quiroga, elaborar un estudo para a recuperación patrimonial do Castelo de Novais e colaborar na programación das actividades de Nadal.