A Deputación de Lugo destinará máis de 100.000 euros para mellorar a parroquia de Río, en Láncara

SarriaXa
A Deputación de Lugo invistirá 115.
Concello Láncara Deputación Lugo
29 Nov 2023

A Deputación de Lugo invistirá 115.000 euros na mellora de vías municipais de varios núcleos rurais da parroquia de Río, en Láncara, tras firmar un convenio o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o alcalde de Láncara, Darío Piñeiro.

Este importe supón o 96% do orzamento total das actuacións que afectarán aos lugares de Río, San Martiño e Tourelle, actuando en treitos que suman 3,2 quilómetros e unha superficie de 13.084 metros cadrados. As obras consistirán na limpeza de cunetas e da superficie da pista, aglomerado en quente e pintado con marcas reflexivas brancas.

José Tomé, acompañado tamén polo deputado de Promoción Económica e Social, e tenente alcalde de Láncara, Pablo Rivera, e membros da corporación municipal, sinalou a importancia deste acordo, xa que, grazas á Deputación, “o Concello dá resposta ás necesidades dos veciños e das empresas destas zonas rurais para mellorar servizos, prestando unha especial atención naqueles núcleos con máis proxección de futuro”.

Así mesmo, estas actuacións, subliñou Tomé, “darán un maior valor a estas zonas rurais e contribuirán a fixar poboación, pois mellorarán os accesos a todas as parcelas de uso agrícola, gandeiro e forestal, así como ás vivendas dos veciños destes lugares”.

Contacto cos veciños

O presidente tamén aproveitou a visita ao municipio lancarés para desprazarse ata Armea de Abaixo, onde mantivo un encontro cos veciños e veciñas deste lugar da parroquia de Lama.

Así, o Tomé fixo entrega á presidenta do colectivo veciñal, Beatriz González, de mesas e cadeiras adquiridas coa colaboración da Deputación, que aportou case a totalidade dos 5.000 euros necesarios do orzamento para dotar de novo equipamento ao centro social deste núcleo rural, coa finalidade de poder levar a cabo actividades culturais e sociais promovidas pola asociación de veciños.

A Deputación colabora co Concello de Láncara

Por outra banda, a Deputación leva investido desde o 2019 no concello de Láncara arredor de 2 millóns de euros para mellorar a calidade de vida da veciñanza en colaboración co Concello.

Nestes anos, a institución provincial achegou fondos para actuacións relevantes como a humanización integral da avenida Benigno Quiroga e mellora do firme de rúas; o soterramento de liñas de media tensión, o acondicionamento de accesos e camiños nunha quincena de parroquias; así como a modificación de sumidoiros ou a adquisición de terreos e inmobles do Adif para poñelos a disposición da veciñanza como unha gran espazo público.

Así memo, destinou recentemente un importe por valor de 100.000 euros para acometer un proxecto de mellora da beirarrúa e do firme da rúa Antonio López Quiroga, na Pobra de San Xiao, e tamén de vías municipais nos núcleos Augalevada, Vilouzán, Galegos, Ariz e Bande. José Tomé destacou que estes investimentos reforzan “o compromiso da Deputación de cooperación cos concellos da provincia, neste caso co Concello de Láncara, para que conte con maiores recursos e ofrecer máis e mellores servizos e dotacións á veciñanza”.

Fixo fincapé, que esta forma de traballar “é a única fómula para combater o reto demográfico, que a xente se quede a vivir nestes concellos rurais, non marchen a outros lugares, e que contribuamos a que floreza o talento, e os grandes proxectos que existen para o desenvolvemento económico e social destas zonas do interior da nosa provincia”.

0.18423700332642