A Deputación de Lugo esixiralle ao Concello de Sarria e á Xunta de Galicia poñer en marcha o matadoiro municipal

SarriaXa
José Tomé Roca destacou a importancia de que esta dotación pública “estea ao servizo dos cidadáns de Sarria e da comarca”
matadoiro-Sarria
26 Nov 2024

A Deputación de Lugo esixiralle ao Concello de Sarria e á Xunta de Galicia que volvan poñer en marcha o matadoiro municipal, despois de acordarse así no Pleno ordinario do mes de novembro celebrado este martes no Pazo de San Marcos tras unha proposta de Goberno que foi aprobada por unanimidade.

Antes da sesión plenaria, o presidente da Deputación, José Tomé Roca destacou a importancia de que esta dotación pública “estea ao servizo dos cidadáns de Sarria e da comarca”, pediu o compromiso da Xunta de Galicia, e urxiuna a que “se molle”, como no caso de Mondoñedo para que a provincia poida contar de novo con esta instalación a pleno funcionamento tan necesaria para os gandeiros e gandeiras e o sector cárnico.

Explicou o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, que as máis de 950 granxas da comarca, das que 232 están no municipio de Sarria, están tendo que levar o gando a matadoiros doutros concellos, “o que significa máis custos e menos competitividade” por culpa da “mala xestión” municipal".

Nese sentido, Rivera Capón relatou como tras unha avaría ocorrida a finais de agosto na caldeira de auga quente e vapor, e tras meses pechado, o alcalde sarriao sinalou débedas da dotación municipal de entre 150.000 e 200.000 euros. "Unha situación que", segundo denunciou o deputado, "está a motivar a perda de moito volume de negocio e repercutindo no consumidor final polos custos que supón o transporte ao adquirir gando doutras comarcas". Recordou, ademais, que hai dúas semanas unhas 400 persoas se concentraron en Sarria ante esta situación.

O texto da proposta de Goberno recolle, por unha banda, instar ao Concello de Sarria a ser dilixente e áxil á hora de resolver a situación ante o “malestar” do sector, e de presentar o antes posible un proxecto económico sólido e viable á Xunta de Galicia para recuperar con celeridade a actividade do matadoiro de maneira definitiva e non con carácter transitorio. Por outra, esixirlle á Consellería do Medio Rural da Xunta a cumprir co seu compromiso de subvencionar gran parte do investimento necesario para poñer en marcha o matadoiro de Sarria.

0.14118599891663