A Deputación inicia obras de mellora na estrada LU-P-5712 en Sarria cun investimento de 80.000 euros

SarriaXa
Os traballos permitirán renovar o firme e reforzar a seguridade nunha vía clave de conexión entre Barbadelo e Vilei
Obras-LU-P-5712-Sarria
10 Apr 2026

A Deputación de Lugo iniciou os traballos de aglomerado en quente na estrada provincial LU-P-5712, no concello de Sarria, unha vía que comunica a parroquia de Barbadelo co núcleo de Vilei e que cumpre unha función esencial para a mobilidade da veciñanza.

A actuación céntrase no tramo comprendido entre o inicio da estrada e o quilómetro 1,2, cun investimento de 80.000 euros destinado a mellorar de maneira significativa as condicións de circulación e a seguridade viaria.

As obras están a ser executadas pola empresa Cholo SL e dan continuidade á reapertura de cunetas realizada previamente. Nesta fase, os traballos inclúen o estendido dun novo firme en aglomerado en quente, ao que se sumarán posteriormente o repintado da vía e a reposición da sinalización vertical.

Esta infraestrutura resulta fundamental para o día a día da zona, xa que facilita a conexión entre distintos núcleos de poboación, o acceso a vivendas e explotacións agrarias, así como a súa ligazón co Camiño de Santiago. O prazo previsto para a execución das obras é dun mes, condicionado en todo caso polas condicións meteorolóxicas.

Durante o desenvolvemento dos traballos poderán producirse cortes puntuais de tráfico, que estarán debidamente sinalizados. Ademais, habilitaranse itinerarios alternativos co obxectivo de garantir a mobilidade e reducir as molestias á veciñanza.

Con esta intervención, a Deputación de Lugo reafirma o seu compromiso coa mellora da rede viaria provincial, apostando por infraestruturas máis modernas, seguras e adaptadas ás necesidades do rural.

0.11078500747681