A Deputación inicia obras de mellora na estrada LU-P-5712 en Sarria cun investimento de 80.000 euros

A Deputación de Lugo iniciou os traballos de aglomerado en quente na estrada provincial LU-P-5712, no concello de Sarria, unha vía que comunica a parroquia de Barbadelo co núcleo de Vilei e que cumpre unha función esencial para a mobilidade da veciñanza.
A actuación céntrase no tramo comprendido entre o inicio da estrada e o quilómetro 1,2, cun investimento de 80.000 euros destinado a mellorar de maneira significativa as condicións de circulación e a seguridade viaria.
As obras están a ser executadas pola empresa Cholo SL e dan continuidade á reapertura de cunetas realizada previamente. Nesta fase, os traballos inclúen o estendido dun novo firme en aglomerado en quente, ao que se sumarán posteriormente o repintado da vía e a reposición da sinalización vertical.
Esta infraestrutura resulta fundamental para o día a día da zona, xa que facilita a conexión entre distintos núcleos de poboación, o acceso a vivendas e explotacións agrarias, así como a súa ligazón co Camiño de Santiago. O prazo previsto para a execución das obras é dun mes, condicionado en todo caso polas condicións meteorolóxicas.
Durante o desenvolvemento dos traballos poderán producirse cortes puntuais de tráfico, que estarán debidamente sinalizados. Ademais, habilitaranse itinerarios alternativos co obxectivo de garantir a mobilidade e reducir as molestias á veciñanza.
Con esta intervención, a Deputación de Lugo reafirma o seu compromiso coa mellora da rede viaria provincial, apostando por infraestruturas máis modernas, seguras e adaptadas ás necesidades do rural.
PSdeG
O PSdeG de Sarria puxo en valor o compromiso do goberno da Deputación de Lugo co municipio tras o inicio das obras de acondicionamento da estrada provincial LU-P-5712, que une Barbadelo e Vilei, cun investimento de 80.000 euros por parte da institución provincial.
As e os socialistas sarriáns subliñan que esta actuación, xa en execución, dá resposta a unha demanda da veciñanza e confirma o compromiso do Goberno provincial coa mellora das infraestruturas e dos servizos no municipio, especialmente no rural, onde este tipo de investimentos resultan fundamentais para garantir a mobilidade, a seguridade viaria e a calidade de vida.
O voceiro socialista, Benjamín Escontrela, destacou que “esta obra demostra, unha vez máis, que cando hai compromiso político e colaboración, as actuacións chegan e convértense en melloras reais para a veciñanza”. Nese sentido, subliñou que “a implicación do Goberno da Deputación de Lugo está a ser clave para atender necesidades de Sarria e seguir avanzando na mellora das comunicacións no noso rural”.
“Estamos a falar dunha vía que presta servizo a núcleos de poboación, vivendas e explotacións agrarias, polo que esta mellora era necesaria e moi demandada”, sinalou Escrontela, quen engadiu que “o rural tamén merece investimentos, atención e planificación”.
“Fronte á pasividade do Partido Popular da Xunta de Galicia, a Deputación de Lugo segue a responder con feitos ás necesidades de Sarria. Esa é a diferenza entre anunciar e actuar: aquí hai compromiso, colaboración institucional e investimentos reais”, concluíu o voceiro do PSdeG.