A Deputación investirá máis de 287.000 euros na mellora da estrada entre Pacios e Mosteirovello en Paradela

A Deputación de Lugo destinará un investimento de 287.702,17 euros á rehabilitación de preto de catro quilómetros da estrada LU-P-4201, no municipio de Paradela, unha vía que conecta as localidades de Pacios e Mosteirovello.
O prazo estimado para a execución das actuacións previstas será de catro meses e desenvolverase no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 4,17 e 8 e permitirá mellorar as condicións de circulación e seguridade nesta infraestrutura viaria.
O proxecto contempla diferentes actuacións orientadas á renovación integral da estrada, entre elas a reapertura de cunetas, a mellora do firme mediante a aplicación de aglomerado en quente e a reposición da sinalización horizontal e vertical.
Ademais dos traballos de acondicionamento da vía, tamén se construirá un paso elevado nas proximidades do CEIP de San Miguel, unha actuación destinada a incrementar a seguridade do tráfico nun punto considerado especialmente sensible pola presenza habitual de escolares.
A deputada Pilar García Porto destacou a importancia desta intervención e lembrou que “con esta actuación damos resposta a unha vella demanda dos veciños e veciñas da zona”.