A Deputación inviste máis de 712.000 euros na mellora da estrada entre Sarria e Armea, en Láncara

SarriaXa
A actuación afectará a case 7,5 quilómetros da LU-P-5701, que comunica ambos os municipios pasando por Céltigos, e terá un prazo de execución de catro meses
xunta de goberno Deputación de Lugo
14 Nov 2026

A Deputación de Lugo licitou por 712.313,18 euros as obras de mellora da estrada LU-P-5701, que comunica o municipio de Sarria, pasando pola parroquia de Céltigos, co lugar de Armea, en Láncara. A intervención estenderase ao longo de case sete quilómetros e medio e contará cun prazo de execución de catro meses.

O proxecto contempla a reapertura e limpeza das cunetas e dos elementos de drenaxe para garantir a correcta evacuación da auga, así como a pavimentación da vía cunha capa de cinco centímetros de mestura bituminosa en quente, co obxectivo de mellorar a superficie e a resistencia do firme. Tamén se renovará a sinalización horizontal, con marcas reflexivas brancas, e se repoñerá a sinalización vertical.

A mellora desta estrada responde a unha demanda dos veciños da zona e resulta especialmente relevante polo tráfico pesado que soporta. No tramo obxecto da actuación sitúase a industria alimentaria Fontecelta, en Céltigos, que xera un importante volume de circulación de vehículos pesados.

0.1514630317688