A Deputación licita por 227.000 euros a mellora de varios tramos de estradas no Incio

SarriaXa
As actuacións renovarán o firme en varios treitos da rede viaria e incluirán melloras na drenaxe, na sinalización e nas marcas viarias
Pilar-García-Porto
4 Sep 2026

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou a licitación por 227.000 euros de novas obras de mellora en varios tramos de estradas provinciais ao seu paso polo Concello do Incio. As actuacións buscan renovar o firme e reforzar as condicións de seguridade e drenaxe das vías.

Na LU-P-1306, que comunica Megoxe, Seceda e Ferrería do Incio, os traballos abranguerán preto de catro quilómetros, concretamente entre os puntos quilométricos 21,124 e 24,886. A intervención estará centrada no acondicionamento do firme e contará cun prazo de execución previsto de catro meses.

A institución provincial actuará tamén noutros dous treitos da rede viaria do municipio, entre os quilómetros 2,500 e 2,600 e entre o 6,100 e o 6,900. Neste caso, está prevista a renovación do pavimento mediante aglomerado en quente, xunto con diferentes medidas para mellorar a evacuación das augas superficiais.

Os traballos completaranse co repintado das marcas viarias e a reposición da sinalización vertical, co obxectivo de incrementar a seguridade nos tramos afectados.

A voceira socialista do Goberno provincial, Pilar García Porto, explicou que estas intervencións responden a un compromiso adquirido pola presidenta da Deputación cos veciños durante unha recente visita ao Incio.

García Porto destacou que as obras permitirán continuar mellorando a rede provincial e facilitar os desprazamentos das persoas que residen, traballan ou desenvolven a súa actividade económica no municipio.

0.14028000831604