A Deputación pide á Xunta máis recursos para os maiores, para os colexios e para os gandeiros afectados pola seca

O pleno da Deputación provincial de Lugo aprobou unha iniciativa do grupo socialista para instar á Xunta de Galicia a que aumente os recursos para a atención ás persoas maiores na provincia de Lugo, de acordo co marco competencial das administracións públicas. A proposta saíu adiante cos votos a favor do PSdeG, do BNG e do deputado non adscrito, e cos votos en contra do PP.
Durante a defensa da moción, o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, destacou que o goberno provincial destina ao ano máis de 2,5M€ ao mantemento das nove residencias de maiores que ten en funcionamento, con preto de 300 prazas e unha ocupación do 100%.
O grupo de goberno lembrou que a Xunta ten un orzamento de 14.240 millóns de euros en 2026, dos que destina 1.391 millóns a área de Política Social. Mentres, a Deputación de Lugo dispón para este exercicio de 135 millóns de euros para todas as súas competencias, entre elas a amplísima rede de estradas, de máis de 4.000 quilómetros.
Desde o 2019, a Deputación mobilizou 47M€ nos centros de atención a maiores, aos que se suman as achegas aos concellos para sufragaren o Servizo de Axuda a Domicilio (SAF) e o investimento no servizo de teleasistencia.
O goberno provincial tamén pide á Xunta que revise o plan de residencias que acaba de anunciar, que non inclúe ningunha na capital lucense, e onde case a metade das prazas serán privadas.
Rivera afeoulle aos populares que a Xunta aposte por un modelo que consistirá en adxudicar a construción e a xestión das residencias a empresas privadas e a concertar despois o 60% das prazas. O resto, insistiu, serán privadas. Lembrou que o 33,7% da poboación da provincia supera os 60 anos.
Pola súa banda, o BNG asegurou que "o PP está en contra de que a Xunta de Galicia asuma as súas competencias e financie o coidado de maiores desta provincia, sexan da Deputación ou de titularidade municipal", sinalou Efrén Castro. "Abandonan as residencias da Deptuación e abandonan as residencias de concellos da súa cor política. Os concellos, e especialmente os pequenos, non teñen financiamento para asumir os custos dunha praza pública, e vostedes lávanse as mans", dixo.
Finalizou o debate coa intervención da presidenta, que dixo que “os alcaldes do PP saben que son atendidos cando trasladan unha necesidade”, remarcou a presidenta da Deputación, quen reclamou o mesmo criterio á Xunta, “que non é do Partido Popular, é de todos os galegos e galegas. Ou polo menos debería selo”. López pediu que a Administración autonómica escoite tamén as alcaldesas e alcaldes da provincia e responda ás súas necesidades, e que faga o mesmo coa Deputación, que está prestando servizos que non lle corresponden ante a insuficiente resposta da Xunta.
Por outra banda, a presidenta da Deputación reafirmo durante o pleno o compromiso do goberno provincial de escoitar das alcaldesas e os alcaldes dos 67 concellos e de buscar solucións ás necesidades que trasladan, independentemente da súa cor política.
En resposta á oposición, López lembrou que desde Cooperación e Asistencia aos Concellos se atenderon solicitudes de numerosos municipios en ámbitos como a asistencia técnica, xurídica, económica, contratación, Secretaría e Intervención, supervisión de proxectos, urbanismo, expropiacións, estradas, Parque Móbil, cesións de bens ou convenios. “Se unha medida é boa para a xente, a min impórtame pouco quen a presente”, afirmou, tras enumerar a longa lista de concellos que nos últimos meses recibiron axuda da Deputación.
O pleno aprobou tamén a Conta Xeral correspondente ao exercicio 2025, que chega con todos os informes favorables despois dun período de exposición pública no que non se presentou ningunha alegación.
O deputado Pablo Rivera destacou que a Deputación executou máis do dobre que o ano anterior, ingresou máis do previsto e eliminou a débeda. A Conta Xeral saíu adiante cos votos a favor do PSOE, do BNG e do deputado non adscrito e a abstención do PP.
Durante o 2025 a Deputación comprometeu o 88,2% do orzamento –fronte ao 87,35% de 2024- e as obrigas recoñecidas tamén subiron desde o 60,29% ao 60,78%.
O maior avance prodúcese no investimento real. A Deputación executou 21,2M€ en 2025 fronte aos 9,5M€ do exercicio anterior. Máis do dobre. A porcentaxe de execución do capítulo de investimentos pasou do 26 ao 40.74%, mentres que o crédito comprometido acadou o 66,5%, preto de 35M€.Ademais o 14 de maio de 2025 a institución provincial amortizou anticipadamente seis millóns de euros, polo que actualmente a Deputación ten débeda cero con entidades financeiras.
En materia de ingresos, a Deputación recoñeceu 132,5 millóns de euros, fronte aos 132,7 millóns previstos, o que supón un cumprimento do 99,9% das previsións de ingresos. Os 86 millóns incorporados como remanentes de tesourería corresponden a aforros de exercicios anteriores e non a novos ingresos previstos para 2025.
A presidenta tamén informou no pleno da situación dos náuticos provinciais e destacou que os diferentes expedientes continúan avanzando. Ponte do Sil e o Mazo de Santa Comba están xa en fase previa á adxudicación, mentres que Portomarín e Os Robles quedaron desertos ao non presentarse ofertas. Augasmestas conta cunha oferta tras a reapertura do prazo e a Mesa de Contratación reuniuse o 17 de setembro. Os Chancís e Maiorga continúan coa súa tramitación. Carmela López lembrou que cada expediente debe completar os correspondentes procedementos e garantías para a posta en explotación das instalacións.
PROPOSTAS NACIONALISTAS
O Pleno da Deputación de Lugo aprobou este martes unha proposta promovida polo BNG que demanda á Xunta de Galicia máis recursos para a educación pública na provincia. A iniciativa, aprobada cos votos do BNG e do PSdG, reclama dotar os colexios e institutos de persoal suficiente e necesario, con especialistas en cada unha as materias, e atender a demanda de obras necesarias en diferentes centros da provincia.
No debate da proposta, a portavoz do grupo provincial Iria Castro repasou os incumprimentos da Xunta de Galicia en relación co persoal neste inicio de curso, lembrando "a gran mentira das 900 contratacións prometidas das que faltan 400".
A deputada fixo fincapé na falta de investimentos en centros educativos nos que urxen melloras, como o CEIP Vista Alegre de Burela, onde a ANPA leva cinco anos denunciando deficiencias graves no edificio, ou os colexios da Pontenova e do Vicedo.
Tamén se aprobou unha moción do BNG que urxe á Xunta de Galicia a adoptar medidas extraordinarias para compensar os danos provocados pola seca no sector primario. No debate da moción, o deputado Daniel García deu eco ás dificultades das ganderías que tiveron que recurrir a reservas de forraxe ou á compra de alimentación pola caída da produción de forraxe e reclamou ao goberno galego unha liña extraordinaria de axudas directas para compensar o aumento dos custos.
O deputado nacionalista lembrou que son medidas que outras comunidades, como Cantabria, puxeron xa en marcha, cun paquete de axudas de 3 millóns de euros.
A OPOSICIÓN
Pola súa banda, os deputados do Grupo Provincial Popular reclamaron ao goberno de PSOE e BNG que deixase de “perseguir e sancionar aos concellos da provincia por motivos políticos” e acusa aos dous partidos de “sectarismo" por negarse a pedir disculpas públicas aos veciños de Ribadeo despois de que a xustiza declarase nula a multa de 25.000 euros dende a Deputación provincial ao Concello. Acusou a Carmela López de manter “os vellos vicios impostos por Tomé”.
Otra das mocións presentadas polo PP foi a esixencia ao Goberno do Estado dunha resposta firme ante os "graves sucesos" rexistrados en Ceuta, moción que non saíu adiante.