A Deputación presenta un novo volume sobre a tradición oleira de Lugo desde unha perspectiva técnica

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
A publicación afonda nas formas e procesos da cerámica popular de Mondoñedo, Bonxe, Samos e Gundivós e incorpora análises inéditas sobre a súa elaboración
presentacion-Conciencia-dunha-tradición-olería-Lugo
17 Jun 2026

O Centro de Artesanía e Deseño acolleu a presentación do libro Conciencia dunha tradición. Olería de Mondoñedo, Bonxe, Samos e Gundivós, unha obra editada polo Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo que continúa o traballo de investigación e divulgación sobre a tradición oleira da provincia.

O volume está asinado por Luis Hixinio Flores Rivas, Óscar Lantes-Suárez, María Pilar Prieto Martínez, Manuel Fernández López "Lolo" e Orlando Viveiro Veiga, autores desta terceira entrega da colección Formas tradicionais da cerámica popular.

A publicación dá continuidade a dúas obras monográficas anteriores dedicadas á olería de Samos e á de Bonxe, ampliando a información etnográfica e antropolóxica relacionada con estes centros artesáns, incluíndo aspectos como as zonas de extracción da arxila, os mercados nos que comercializaban as pezas, os percorridos habituais ou os fornos empregados.

Nesta nova publicación, o estudo céntrase especialmente nas formas da cerámica desde unha óptica técnica. A obra ofrece tres formas de presentación das pezas e incorpora unha análise arqueométrica inédita aplicada á cerámica popular, unha metodoloxía que permite coñecer o interior das pezas e comprender como foron modeladas e construídas, facilitando así que novas xeracións poidan continuar elaborándoas.

Durante o acto, o vicepresidente da Deputación, Efren Castro, subliñou a importancia de documentar a tradición oleira da provincia mediante un enfoque técnico e rigoroso, sinalando que esta fórmula representa unha alternativa esencial á transmisión oral que durante séculos permitiu manter viva a actividade destes centros artesáns.

Ademais, destacou que os oficios vinculados á artesanía contan cun importante potencial de desenvolvemento nun contexto social no que cada vez se valoran máis a singularidade, a identidade dos produtos e os modelos de produción sostibles ligados ao territorio.

A publicación presenta tamén unha coidada edición e inclúe un prólogo elaborado polo arqueólogo correspondente da Real Academia Galega Felipe Arias Vilas.

0.11638593673706