A elección dos candidatos do PSOE ás nacionais deriva en Lugo nunha nova crise con dúas liñas diferenciadas

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
O exalcalde lucense José López Orozco reclama revisar os votos tras quedar fóra da candidatura ao Senado, mentres o rexedor de Láncara anuncia a súa renuncia á xestora provincial
Jose-Lopez-Orozco-PSOE-Lugo
15 Oct 2026

A confección das candidaturas do PSdeG ao Congreso e ao Senado abriu unha fronte de tensión interna na provincia de Lugo. Á reclamación do exalcalde da capital, José López Orozco, para que se revisen os resultados da votación que o deixaron fóra da lista á Cámara Alta, súmase agora a renuncia de Darío Piñeiro, alcalde de Láncara, como membro da xestora provincial. Piñeiro atribúe a súa decisión a discrepancias coa liña política e coa xestión das direccións provincial e autonómica, nunha crítica na que cuestiona tamén o proceso de elección dos candidatos.

Orozco fixo público o seu desacordo co resultado da votación celebrada o mércores para seleccionar os representantes socialistas nas próximas eleccións xerais. O exrexedor considera que as cifras non cadran e asegura que conta con máis apoios da militancia ca César Mogo, o candidato que finalmente encabezará a lista ao Senado por Lugo. Por iso, xunto co grupo de afiliados que impulsou o seu regreso á primeira liña política, solicitou unha revisión das votacións.

«Non nos dan os números», sostén Orozco, que cuestiona que os resultados anunciados polo partido se correspondan co número de afiliados e cos apoios que, segundo afirma, recibiu. O exalcalde calcula que tería entre 40 e 50 apoios máis ca Mogo e asegura que estaba disposto a ocupar o segundo posto da candidatura ao Senado «polo ben do partido», pero que non esperaba quedar fóra das listas.

A polémica chega despois de que Orozco recuperase protagonismo interno na agrupación local de Lugo, onde recibira un importante respaldo nunha reunión previa. O exalcalde deixara a Alcaldía en 2015 e a súa posible incorporación á candidatura ao Senado abría a porta ao seu regreso á primeira liña política.

Segundo relatou, a responsable socialista Lara Méndez comunicoulle antes da votación que Mogo era o aspirante que contaba con máis apoio para o Senado e ofreceulle como alternativa ocupar o número dous da lista ao Congreso. Orozco rexeitou esa opción e propuxo, pola súa banda, ocupar o segundo posto na candidatura á Cámara Alta. Afirma que trasladou a súa proposta por mensaxería telefónica, pero que non recibiu resposta.

Pola súa parte, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, defendeu o procedemento seguido para confeccionar as candidaturas e asegurou que as listas foron aprobadas por aclamación nas catro provincias galegas. O dirixente socialista sostén que a elección dos candidatos non depende unicamente do número de votos, senón que tamén atende a criterios de paridade, representación territorial e eficacia electoral.

No caso de Lugo, Besteiro sinalou que Patricia Otero foi a candidata máis apoiada para o Congreso e César Mogo para o Senado. Segundo explicou, as preferencias expresadas pola militancia son un elemento relevante para determinar o protagonismo de cada aspirante, pero deben combinarse con outros criterios para configurar as candidaturas definitivas.

Besteiro tamén confirmou que a Orozco se lle ofreceu a posibilidade de ocupar o segundo posto da lista ao Congreso, unha alternativa que, segundo a versión trasladada pola dirección, o exalcalde rexeitou. O secretario xeral lembrou que, ao estar encabezada a candidatura por un home, o criterio de paridade establece que o segundo posto debe corresponder a unha muller.

Lara Méndez, pola súa banda, explicou que comunicara a Orozco que Mogo era o candidato con maior respaldo para o Senado e que lle formulara a alternativa de concorrer ao Congreso. Tamén recoñeceu ter recibido a mensaxe na que o exalcalde propoñía ocupar o número dous da candidatura á Cámara Alta, aínda que sinalou que o proceso xa estaba pechado.

Dimisión do alcalde de Láncara da xestora

O conflito non se limita, porén, á elaboración das listas electorais. Darío Piñeiro, alcalde de Láncara, anunciou a súa renuncia como membro da xestora provincial do PSdeG nunha carta dirixida aos veciños e veciñas. Nela explica que decidiu formalizar a súa saída por un desacordo «profundo e irreconciliable» coa liña e coa xestión que están a desenvolver tanto a Dirección Provincial como a Dirección Autonómica.

Piñeiro sitúa o proceso de elección das candidaturas como o principal motivo da súa decisión. Segundo expón na carta, despois de reunirse e votar os representantes para o Congreso e o Senado, comprobou con sorpresa que a dirección do partido xa tiña elixidos de antemán os candidatos, o que, ao seu xuízo, deixou sen valor o procedemento interno. O rexedor cuestiona así a forma en que se tomaron as decisións e amosa o seu desacordo coas prioridades das actuais direccións socialistas.

A súa renuncia engade un novo elemento de tensión ao escenario provincial, nun momento no que a dirección do PSdeG reivindica a unidade interna e a necesidade de evitar que as discrepancias afecten á mobilización do electorado progresista. Besteiro apelou á «cohesión interna» e chamou a concentrar os esforzos en «frenar a dereita e a ultradereita».

No plano electoral, os socialistas manteñen como obxectivo conseguir dous deputados no Congreso pola provincia de Lugo. A dirección considera que é unha meta posible, despois de quedar a uns 3.000 votos de acadar ese segundo escano nas últimas eleccións xerais. Tamén aspira a recuperar a Alcaldía de Lugo, mentres trata de pechar unha controversia interna que, coas críticas de Orozco e a renuncia de Piñeiro, evidencia o desacordo existente entre unha parte da militancia e as direccións do partido.

A candidatura ao Senado estará encabezada por César Mogo, seguido da concelleira lucense Ana González Abelleira e de Roberto Castro González, de Ribas de Sil. No Congreso, Patricia Otero ocupará o primeiro posto, por diante de Jorge Bustos, Eva Blanco e Ismael Carracedo.

0.14766311645508