A Escola Ciclista DHG Team prepara a súa nova etapa con novas instalacións e circuítos indoor

SarriaXa
O proxecto, de carácter non competitivo, abrirá as súas portas a finais de setembro e mantén aberto o prazo de inscrición para a tempada 2026/27
III-Ruta-cicloturista-en-familia-IES-Xograr-afonso-sarria
3 Sep 2026

A Escola Ciclista DHG Team prepara unha nova etapa coa apertura das súas novas instalacións, prevista para finais deste mes de setembro. O novo espazo contará con novas zonas de adestramento, circuítos indoor e outras novidades destinadas a ofrecer ao alumnado diferentes posibilidades para aprender e gozar da bicicleta.

O equipo avanzará proximamente a data e todos os detalles da xornada de inauguración, na que estarán convidadas as familias, os nenos e nenas e todas as persoas interesadas en coñecer a nova escola.

Mentres tanto, permanece aberto o prazo de inscrición para a tempada 2026/27. A Escola DHG Team presenta unha proposta de carácter non competitivo na que o obxectivo é que o alumnado aprenda e se divirta coa bicicleta baixo a supervisión de monitores con formación específica en ciclismo.

A escola está especializada en BTT e ofrece un enfoque integral que combina diferentes disciplinas do ciclismo, como XC, Enduro e DH, para favorecer que os participantes adquiran unha formación ampla e versátil.

A actividade está dirixida a nenos e nenas a partir dos 5 anos e o único requisito é saber andar en bicicleta sen ruedíns. Os grupos e os contidos adáptanse ao nivel de cada participante.

Ademais, a partir dos 14 anos, a escola ofrece clases específicas de Enduro e DH en circuíto, que se desenvolven os sábados pola mañá e contan con servizo de remonte en furgoneta.

A seguridade, o respecto e o traballo en equipo forman parte dos valores da escola, que tamén promove hábitos saudables e unha convivencia positiva durante as sesións. Cada participante conta con seguro individual e con ficha deportiva na Federación Galega de Ciclismo.

O curso comezará en setembro de 2026, con sesións dunha ou dúas horas en función do grupo e da idade do alumnado.

0.15411114692688