A ESMUSA levou as Letras Galegas a sete centros educativos de Sarria cunha gran acollida

A Escola Municipal de Música de Sarria levou a celebración das Letras Galegas a sete centros educativos do municipio cun balance moi positivo e unha excelente acollida tanto por parte do alumnado como do profesorado.
Durante os días 15 e 18 de maio, o alumnado da ESMUSA participou en diferentes concertos e actuacións musicais en distintos espazos educativos, nunha iniciativa que buscou achegar a música e a cultura galega á comunidade escolar. Ademais destas intervencións nos centros, celebrouse un concerto especial na Casa da Cultura de Sarria, dedicado ás Letras Galegas e á figura da escritora Begoña Caamaño.
Dende a Concellería de Cultura destacouse a ilusión, o compromiso e o traballo do alumnado e do profesorado da ESMUSA, así como das distintas agrupacións participantes, que contribuíron ao desenvolvemento das actividades programadas.
O departamento municipal tamén quixo agradecer a colaboración dos centros educativos, salientando a súa implicación e a boa acollida desta proposta cultural, que consideran fundamental para facer posibles iniciativas deste tipo e para fortalecer a conexión entre a escola e a vida cultural do municipio.