A exposición 'O Lexicón Freático' da Asociación Cultural Huhú será inaugurada este 18 de abril

SarriaXa
A exposición colectiva reúne obras de cinco artistas que exploran corpo, territorio e percepción en diálogo coa impresión tradicional
Bloque-3-Trienal-Huhu-Na-parede-está-todo-Sarria
17 Apr 2026

A Asociación Cultural Huhú inaugura este sábado 18 de abril ás 19.00 horas en A Sede – NDAC, en Sarria, a exposición O Lexicón Freático — Volume 1, unha mostra colectiva que forma parte da programación da Trienal Sarria Triennial e que supón o cuarto bloque expositivo deste ciclo iniciado en 2024.

A proposta reúne traballos de Bárbara da Fonte, Clo Plas, João Vasco Paiva, Salvador Cidrás e Víctor, realizados na súa maioría especificamente para este contexto. O proxecto xorde no propio espazo de A Sede – NDAC, situado nun complexo industrial semiabandonado entre un río e as vías do ferrocarril, un lugar atravesado por fluxos e condicións materiais cambiantes que condicionan e alimentan o proceso creativo.

Neste escenario, a conversa convértese nunha ferramenta clave para a creación compartida, dando lugar a un léxico propio que recolle relacións, mediacións e formas de sostén que o lugar fai especialmente visibles. Ese proceso cristaliza na publicación O Lexicón Freático — Volume 1, un libro impreso en Sarria mediante tipografía móbil de chumbo que fixa materialmente ese vocabulario nacido da práctica.

As obras expostas non se limitan a ilustrar ese léxico, senón que o activan e o poñen en uso no propio espazo expositivo. A mostra esténdese así a través de pezas que exploran diferentes rexistros como o corpo, o territorio, a percepción, o coidado, a paisaxe, a duración ou o oficio, configurando un mesmo campo de elaboración. Neste sentido, tamén dialogan co proceso de impresión desenvolvido por Víctor e documentado en vídeo por Toño de López.

A xornada inaugural contará coa presenza dos artistas participantes, a presentación da publicación, unha performance de Bárbara da Fonte e unha actuación de Clo Plas, nunha proposta que combina distintos formatos para afondar na relación entre creación contemporánea e contexto.

0.11222505569458