A exposición 'Palestine. Here and There' poderá visitarse esta fin de semana en Sarria

SarriaXa
A mostra, integrada na Trienal Sarria Triennial, reúne o traballo de seis artistas palestinos e aborda cuestións como a ocupación, a identidade e a resistencia
exposicion-palestina-en-sarria
7 Aug 2026

A Asociación Cultural Huhu informou de que esta fin de semana permanecerá aberta ao público a exposición Palestine. Here and There, integrada na programación da TST1 – Trienal Sarria Triennial. A mostra poderá visitarse o sábado 9 e o domingo 10 de agosto, de 12.00 a 14.00 horas, na SEDE - Núcleo Difusor de Arte Contemporánea.

Trátase do quinto bloque expositivo da trienal e reúne o traballo de seis artistas palestinos para ofrecer unha reflexión sobre a ocupación, a identidade e a resistencia do pobo palestino a través da fotografía, o vídeo, o cinema documental e o arquivo.

O proxecto naceu a partir dunha invitación da comisaria Paula Parente Pinto á artista Ahlam Shibli, quen decidiu ampliar a proposta incorporando tamén as obras de Aref Massalha, Fatma Hassona, Mohamed Harb, Monther Jawabreh e Rehaf Al Batniji. Entre todos constrúen unha narrativa centrada na reconstrución da identidade palestina baixo condicións de ocupación e militarización, reivindicando a autonomía e a liberdade do seu pobo mediante diferentes linguaxes visuais.

A exposición aborda cuestións como a perda do fogar, os desprazamentos forzosos, a destrución e as distintas formas de resistencia fronte aos intentos de borrar a identidade e a memoria colectiva palestina.

Entre as pezas destacadas figuran as fotografías de Fatma Hassona, falecida en Gaza en 2025, nas que documentou a vida cotiá da poboación baixo os bombardeos e a destrución da Franxa de Gaza, converténdose nun testemuño visual da realidade que vive o pobo palestino.

0.11565089225769