A Feira do Ano de San Isidro de Sarria pecha cun prezo medio de 3.800 euros nas poxas de Acruga

SarriaXa
A tradicional cita agroandeira reuniu a numerosos gandeiros e visitantes nunha edición marcada pola alta participación e os bos resultados nas subastas de xovencas preñadas
poxa-San-Isidro-Sarria-26
10 May 2026

Sarria celebrou unha nova edición da Feira de San Isidro, coñecida tamén como Feira do Ano, unha das citas máis tradicionais para a Acruga e para a organización das súas habituais poxas de xovencas preñadas de raza rubia galega. A convocatoria deste ano volveu deixar resultados positivos, cun prezo medio de 3.800 euros para os tres exemplares adxudicados, o segundo mellor rexistro da tempada para a asociación, só por detrás dos 3.833 euros acadados na poxa celebrada en marzo en Friol.

Os tres exemplares partiron cun prezo inicial de 2.900 euros e arredor dunha vintena de gandeiros e gandeiras solicitaron a tarxeta necesaria para participar na licitación. O presidente de Acruga, César Dorado, foi o encargado de abrir a poxa, destacando a importancia do anel de subastas instalado no mercado gandeiro de Sarria, que definiu como un dos mellores da provincia pola súa capacidade para dar visibilidade a animais de gran calidade dentro dunha feira agroandeira de referencia.

Os exemplares subastados procedían da granxa Gayoso Castro, dependente da Deputación de Lugo. A primeira xovenca, de 25 meses e preñada de catro, contaba cunha destacada liñaxe xenética con exemplares como Cachorro II AG e Camilo AG, o que provocou unha poxa moi disputada. Finalmente foi adxudicada por 3.500 euros a un gandeiro do propio municipio de Sarria.

A segunda xovenca, de 22 meses e preñada de cinco, foi adquirida por un criador de Láncara tras alcanzar os 4.500 euros. No seu pedigrí figuraban exemplares como Adrián AG e Palmeiro AG. A terceira e última rubia galega, tamén de 22 meses e preñada de catro, foi vendida por 3.400 euros e permanecerá nunha explotación de Sarria. Ademais, os compradores recibiron unha axuda de 200 euros por exemplar adquirida por parte de Caixa Rural Galega.

Na xornada tamén participaron diferentes autoridades, entre elas o alcalde de Sarria, Claudio Garrido, e a xefa territorial da Consellería do Medio Rural en Lugo, Olga Iglesias. Durante o acto, César Dorado agradeceu o esforzo dos gandeiros e gandeiras “en favor da mellora da raza rubia galega”, mentres que Claudio Garrido definiu a Feira do Ano de San Isidro como “a posta de longo do medio rural e do sector agrícola e gandeiro de Sarria”.

Desde Acruga xa avanzaron que comezarán de inmediato a selección de novas xovencas para a seguinte poxa prevista este mes de maio, que terá lugar o día 16 en Seoane do Courel.

0.11705493927002