A filosofía do bambú no Kung Fu de Foshan: unha lección de resiliencia

SarriaXa
Por Jose Nunes
Foro-Jose-Nunes-artigo-outubro-Sarria
25 Oct 2026

A análise académica dos sistemas marciais do Sur da China esixe mergullarse na complexa historia social do delta do Río das Perlas. Durante os séculos XVIII e XIX, a próspera cidade de Foshan consolidouse como núcleo das disciplinas marciais locais. Neste contorno fundamentalmente urbano e gremial, os métodos de combate respondían a imperiosas necesidades de autodefensa, cohesión comunitaria e resistencia popular —a Revolución dos Bóxers, entre outras—. Nas variadas escolas xestadas na rexión —como o Wing Chun ou o Hung Gar— destaca un elemento conceptual e simbólico de carácter transversal: a relación filosófica e pedagóxica coa figura do bambú.

Investigadores da historia social e da cultura física do Sur de China, como Benjamin N. Judkins e Nielsen nas súas monografías para a State University of New York Press, sinalan que o contexto artesanal do delta vinculou estreitamente a práctica cotiá coa ética do combatente. No ámbito das ferramentas marciais destaca a célebre «vara de seis puntas e medio» (Luk Dim Boon Kwun), ferramenta de combate definitiva se perfeccionou empregando madeiras densas para acadar unha maior firmeza estrutural, porén memoria colectiva asociou as súas orixes ás pértegas de bambú empregadas para a navegación de batuxos polos ríos, como a embarcación da compañia de ópera chinesa do Xunco Vermello.

Máis alá da cultura material, o bambú transcendeu como a principal alegoría técnica, estratéxica e existencial. Na tradición do pensamento asiático, esta planta representa o ideal do home virtuoso: un ser profundamente enraizado na terra, pero dotado da humildade necesaria para ceder ante as forzas que o superan. As crónicas tradicionais narran como os antigos mestres observaban a capacidade da cana para inclinarse baixo o vendaval sen chegar a quebrarse. Dita lección de vida inspirou a xestión da distancia e o equilibrio nas estreitas e ateigadas rúas de Foshan, ensinando ao practicante a redirixir a presión do adversario mediante a fluidez e a evasión intelixente, en lugar de opoñerlle unha resistencia puramente muscular, consolidándose nos sistema de Kung Fu sureño concpetos de estímulo reacción polivalentes, máis que a definición e concretación de técnicas especializadas, o mesmoque acontecia co Tode ou o Kempo na illa de Okinawa, antes de ser colonizada e incorporada a Xapón.

En última instancia, a metáfora do bambú terminou por vertebrar unha dimensión ética e humana aplicable a calquera individuo, independentemente do seu interese polas artes de combate. Fronte á rixidez da árbore robusta, cuxa soberbia expona á fractura inevitable cando sobrevén a tormenta, a sabedoría do Sur de China proponnos abrazar a conduta da flexibilidade consciente a imitación do bambú: unha disposición vital capaz de ceder temporalmente ante a presión ou adversidade da vida.

A verdadeira fortaleza humana non reside na rixidez inquebrantábel nin no exercicio da forza bruta, senón na capacidade de dobrarse con elegancia ante a adversidade para recuperar a verticalidade cun impulso renovado. Quen aprende a dobregar o seu ego coa docilidade do bambú fronte ao vento, xamais poderá ser destruído polas tempestades da existencia.

0.15888404846191