A Fiscalía de Lugo abre unha investigación de oficio polas ameazas de bomba en centros escolares

A Fiscalía Provincial de Lugo incoou de oficio dilixencias de investigación polas ameazas de bomba que afectaron a varios centros educativos da provincia durante a pasada semana. O obxectivo é recompilar toda a información dispoñible sobre os feitos e analizala conxuntamente para esclarecer quen está detrás dos avisos que afectaron, entre outros, a centros de Vilalba, Ribadeo, Lugo ou Monforte.
A decisión prodúcese despois de varios días de incidencias en centros educativos galegos pola recepción de correos electrónicos con falsas ameazas de bomba. A Fiscalía Provincial da Coruña tamén iniciou este procedemento de investigación.
A última vaga de avisos provocou novas intervencións policiais o pasado xoves en centros das provincias de Pontevedra e Ourense. Un dos casos rexistrouse no IES Laura Olmo, no Barco de Valdeorras, onde arredor de 500 alumnos tiveron que abandonar as instalacións como medida preventiva. Tras inspeccionar o edificio, os axentes comprobaron que non había ningún artefacto nin obxecto sospeitoso e permitiron o regreso do alumnado ás aulas.
Tamén se rexistraron desaloxos no IES Ramón Cabanillas de Cambados e no IES Pedro da Auga de Ponteareas, segundo confirmou a Subdelegación do Goberno en Pontevedra. Ademais, o IES Fernando Asorey, tamén en Cambados, recibiu unha mensaxe similar, aínda que neste caso non foi necesario evacuar o centro ao coincidir o correo coas comunicacións recibidas nos demais institutos.
Estas incidencias producíronse despois da vaga de ameazas rexistrada o mércores, cando polo menos 80 centros educativos galegos recibiron correos electrónicos con avisos de bomba. A provincia da Coruña foi a máis afectada, con 31 centros desaloxados, aínda que tamén houbo actuacións en Santiago, Lugo e Pontevedra.
En todos os casos, os equipos directivos comunicaron os feitos ás forzas policiais tras detectar as mensaxes, o que activou os protocolos de evacuación preventiva e a intervención de especialistas dos equipos TEDAX, encargados de inspeccionar as instalacións e descartar a presenza de posibles artefactos.
Pola súa banda, a Consellería de Educación explicou que algúns centros non abriran o correo electrónico durante a xornada do mércores, polo que están a coñecer agora avisos que recibiran con anterioridade.
A Subdelegación do Goberno en Pontevedra sinalou que as mensaxes enviadas aos distintos centros son idénticas e asegurou que teñen "cero credibilidade".