A funcionalidade integral das artes marciais tradicionais: o paradigma holístico fronte á especialización deportiva

SarriaXa
Por Jose Nunes
imaxe-colaboración-Jose-Nunes-agosto
16 Sep 2026

Toda práctica física responde a unha determinada concepción do corpo humano. O deporte moderno e as artes marciais tradicionais comparten o movemento como instrumento de desenvolvemento persoal, mais difiren profundamente na finalidade que atribúen ao adestramento e, en consecuencia, no xeito de construír as capacidades do practicante. Comprender esta diferenza non implica establecer xerarquías nin opoñer modelos que, en realidade, responden a necesidades distintas. Pola contra, permite apreciar a riqueza das diversas formas de educación física desenvolvidas no transcurso da historia.

O deporte constitúe unha das expresións máis refinadas da capacidade humana para competir, cooperar e superar límites dentro dun marco normativo compartido. Disciplinas como o atletismo, o fútbol, o tenis ou a ximnasia ofrecen innegables beneficios para a saúde, a formación do carácter e o desenvolvemento técnico. Porén, a súa lóxica interna obriga a orientar o adestramento cara á optimización do rendemento nun contexto perfectamente definido por regras, espazos e obxectivos competitivos: a especialización.

As artes marciais tradicionais naceron, pola contra, cunha finalidade diferente. Sistemas como o Kung Fu histórico, o Kali filipino ou o antigo To De de Okinawa foron concibidos, fundamentalmente, como métodos de preparación para o combate e a defensa persoal, integrando ademais dimensións educativas, culturais e, en moitos casos, filosóficas. O seu propósito non era obter unha puntuación nin satisfacer criterios estéticos de execución, senón formar individuos capaces de responder con eficacia a situacións cambiantes e imprevisibles.

Esta distinción resulta especialmente relevante no caso do Kung Fu. A miúdo emprégase esta denominación para designar indistintamente os sistemas tradicionais chineses e o Wushu moderno de competición. Con todo, ambos representan modelos históricos diferentes. O Wushu, institucionalizado na República Popular China durante a segunda metade do século XX, responde aos principios propios do deporte e non da arte marcial: estandarización técnica, avaliación estética e especialización orientada ao rendemento. Pola súa banda, as escolas tradicionais conservaron unha orientación funcional na que cada exercicio procura desenvolver capacidades aplicables a contextos variables e non ao ámbito deportivo.

Esta diferenza foi destacada por investigadores como Wojciech J. Cynarski, quen sostén que reducir as artes marciais á súa dimensión deportiva significa ignorar a súa natureza como fenómeno cultural, educativo e antropolóxico, implica convertelas, mutalas, en algo distinto. Desde esta perspectiva, as artes marciais tradicionais constitúen sistemas de educación psicofísica nos que a técnica, a ética, a historia e o desenvolvemento persoal forman unha realidade inseparable.

As ciencias da actividade física ofrecen argumentos que reforzan esta interpretación. O deporte de alto rendemento tende inevitablemente á especialización funcional. A repetición sistemática dun número reducido de patróns motores permite alcanzar unha eficacia extraordinaria en accións concretas, condición indispensable para competir ao máximo nivel. Esa especialización non representa unha limitación do deporte, senón unha adaptación coherente cos seus propios fins.

Nas artes marciais tradicionais, pola contra, o adestramento procura desenvolver de maneira integrada as capacidades condicionais, coordinativas e perceptivas. Máis que perfeccionar un único xesto técnico, pretende ampliar o repertorio motor do practicante e mellorar a súa capacidade de adaptación. A forza, o equilibrio, a mobilidade, a coordinación, a percepción espacial, a sensibilidade táctil e a velocidade de reacción enténdense como elementos dun mesmo sistema funcional, cuxa eficacia depende da interacción harmónica entre todos eles.

As investigacións de Nikolai Bernstein demostraron que a aprendizaxe motriz non consiste en repetir mecanicamente un movemento, senón en resolver problemas motores en condicións cambiantes. Máis tarde, Karl Newell explicou que o comportamento motor emerxe da interacción entre o individuo, a tarefa e o contorno. Sobre estes fundamentos, Keith Davids e outros investigadores desenvolveron o enfoque ecolóxico da aprendizaxe, destacando a variabilidade como un dos principais motores da adaptación funcional. Desde esta perspectiva, a diversidade de estímulos non dificulta a aprendizaxe; pola contra, enriquecea e fai máis sólida a resposta motriz.

Resulta significativo comprobar que numerosos sistemas marciais tradicionais incorporan desde hai séculos este principio. Como apunto na miña obra, ‘Análisis y reflexión sobre las artes marciales chinas: Wu Shu’, da editorial Alas, preparar o combate en adversidade de condicións, como en ausencia de luz ou co sol de fronte, nun espazo reducido e repleto de obxectos, en condicións de extrema calor ou extremo frío.., obrigan o practicante a reorganizar continuamente a súa resposta motriz. Trátase de aprender a percibir, decidir e actuar con eficacia nun medio caracterizado pola incerteza. O organismo humano non foi deseñado para repetir indefinidamente un único patrón de movemento, senón para adaptarse. A variabilidade motriz constitúe, precisamente, unha das expresións máis sofisticadas desa capacidade adaptativa.

A transferencia funcional representa probablemente a maior diferenza entre ambos paradigmas: arte marcial tradicional e deportes. As habilidades adquiridas no deporte resultan extraordinariamente eficaces dentro do contexto para o que foron desenvolvidas. Pola súa parte, as artes marciais tradicionais procuran que as capacidades adquiridas poidan aplicarse en situacións nas que non existen regras nin condicións previamente establecidas.

O antigo To De de Okinawa ilustra con claridade esta concepción. O principio de chinkuchi non describe unicamente unha xeración explosiva de forza, senón tamén a correcta aliñación estrutural do corpo, a coordinación das cadeas cinéticas e a transmisión eficiente da enerxía desde o chan até o punto de impacto. De maneira significativa, investigadores da biomecánica funcional como Stuart McGill teñen demostrado que a eficacia do movemento depende precisamente desa integración coordinada do conxunto corporal máis que do desenvolvemento illado de grupos musculares.

En definitiva, deporte e artes marciais tradicionais representan dúas formas lexítimas de entender a educación física. O primeiro procura a excelencia competitiva mediante a especialización; as segundas aspiran ao desenvolvemento global da persoa a través da adaptabilidade funcional. Ningún destes modelos invalida o outro. Responden, simplemente, a finalidades diferentes. Recoñecer esa diferenza non significa establecer superioridades, senón exercer un necesario rigor conceptual que permita valorar cada disciplina polo propósito para o que foi creada. Só desde esa comprensión resulta posíbel apreciar plenamente a riqueza das artes marciais tradicionais como patrimonio cultural e como sistemas integrais de formación do ser humano.

0.14710092544556