A Fundación Curros Enríquez entrega o I Premio de poesía “Acouga Casa dos Poetas” a Naila María González

SarriaXa | OurenseXa
A poetisa, procedente de Sarria, acadou o primeiro grazas ao poemario “A anarquía das pálpebras”
Casa dos Poetas de Celanova
8 Ago 2024

A Fundación Curros Enríquez concede o primeiro premio do primeiro concurso de poesía “Acouga Casa dos Poetas”  á poeta Naila María González, natural de Sarria, polo traballo presentado baixo o título “A anarquía das pálpebras”.

O premio deste certame, patrocinado polo hotel Acouga de Celanova e coordinado pola Fundación Curros Enríquez consiste nunha viaxe dunha semana á Riviera Maya.

O xurado estivo constituído polos patróns da Fundación Curros Enríquez, María Xosé Porteiro, Baldo Ramos, José María Paz Gago e Felipe Ferreiro. Despois de analizar as once obras que foron presentadas a esta primeira edición do concurso, acadaron concederlle o primeiro premio a este poemario “de voz transparente e asequible, que atopa os motivos literarios no amor e na vida cotiá, escrita cunha lingua desenfadada, pero tratada con elegancia, e un ritmo traballado que abeira cada poema ao mundo da música pop e á poesía da experiencia”.

Naila María González Rodríguez é unha poeta con moita proxección nas nosas letras, tendo recibido xa, aos seus 21 anos, premios como o Francisco Añón de Poesía, o Certame de relato breve "Entre parágrafos nevados" e, con tan só 12 anos, o Premio ¿Qué es un Rey para ti?

Tendo en conta a boa calidade xeral dos traballos presentados, concederonse tamén sendos accesits a outros dous poemarios, un dos cales será recibido pola poeta ourensá de Xunqueira de Ambía, Rochi Novoa, e o segundo por María Rodríguez, da Pobra do Caramiñal.

O acto de entrega terá lugar o 14 de setembro, data próxima ao aniversario do nacemento de Manuel Curros Enríquez.

Estes accesits, tal como recollen as bases constan dunha estadía no hotel Acouga e un programa de visita e coñecemento do patrimonio cultural e literario de Celanova.

0.12448596954346