A Furgoteca achega as bibliotecas móbiles a Samos durante o mes de xaneiro

SarriaXa
O servizo da Xunta de Galicia percorre diferentes núcleos do concello con dúas rutas para fomentar a lectura entre a veciñanza
A Furgoteca
31 Dec 2025

O concello de Samos acolle durante o mes de xaneiro novas paradas da Furgoteca, o servizo de bibliotecas móbiles de Galicia impulsado pola Xunta, co obxectivo de achegar a lectura e os recursos culturais á poboación. A iniciativa desenvólvese a través de dúas rutas diferenciadas que permiten chegar a distintos puntos do municipio en diferentes xornadas.

A primeira das rutas realízase o día 7 de xaneiro e percorre San Román de Lousada, a igrexa de San Martiño de Lousada, Samos na Avenida de Compostela, San Cristovo de Lóuzara, San Martiño do Real, Lusión, Renche e Castroncán, con paradas distribuídas ao longo da mañá e da primeira hora da tarde.

A segunda ruta ten lugar o día 21 de xaneiro e inclúe paradas na Casa Niño Faragulla, no CEIP de Samos e novamente en Samos na Avenida de Compostela, cun horario adaptado para facilitar o acceso tanto á poboación infantil como ao conxunto da veciñanza.

Desde a organización destácase que a Furgoteca ofrece unha ampla variedade de materiais como libros, contos, cómics, xogos, música e cinema, converténdose nun recurso cultural de proximidade que busca fomentar o hábito lector e o acceso á cultura, especialmente no ámbito rural.

⚙ Configurar cookies
0.08743691444397