A I Feira do Libro de Sarria terá lugar os vindeiros 25 e 26 de abril

SarriaXa
A cita celebrarase cun formato próximo que aposta polo encontro entre autores e público
Casa-do-Marqués-Sarria
Actualizada el 17 abril 2026, 16:19 horas
15 Apr 2026

O Concello de Sarria organiza, a través da Concellería de Cultura e da Biblioteca Municipal, a Feira do Libro de Sarria 2026, que terá lugar os días sábado 25 e domingo 26 de abril en Villa Andrea. A iniciativa nace cun formato próximo e accesible, orientado a reforzar o encontro entre público lector, creadoras e creadores, e a vida cultural da vila.

Esta primeira edición aposta de maneira decidida polo talento local, situando no centro ás autoras e autores de Sarria e da súa contorna. Ata o momento, máis de 15 participantes están confirmados para formar parte das diferentes actividades, entre as que se inclúen encontros co público e mesas de diálogo nun ambiente familiar.

O concelleiro de Cultura, César No, destacou que esta feira busca “facer comunidade arredor dos libros” e poñer en valor o traballo das persoas creadoras da zona. Segundo sinalou, o obxectivo é ofrecerlles visibilidade e permitir que o público coñeza de primeira man as súas obras, reforzando o orgullo por unha vila cunha destacada actividade literaria.

A programación estrutúrase en dúas xornadas diferenciadas. O sábado 25 estará dedicado á literatura infantil e xuvenil, con propostas dirixidas ao público familiar e cunha sesión de contacontos como peche. Pola súa banda, o domingo 26 centrarase na literatura para público adulto, con mesas de diálogo entre autores e autoras e unha sesión vermú final a cargo de Jesús Álvarez.

A feira contará tamén coa implicación de distintos axentes do sector do libro e do tecido asociativo local. Participarán librarías de Sarria con postos propios, entre elas Libraría Lago e Estanco Gallego, así como asociacións e a editorial Alauda Negra, contribuíndo a converter o evento nun espazo dinámico de encontro entre creación, lectura e proxecto cultural de vila.

Nos vindeiros días darase a coñecer a programación completa, incluíndo horarios, contidos das mesas e a relación definitiva de participantes.

0.14976096153259