A licenza a Votorantim centra un pleno de Sarria marcado pola protesta da Plataforma Sarria Aire Limpo

SarriaXa
A sesión tamén aprobou por unanimidade a recuperación do Paseo das Aceas e abordou iniciativas sobre as vivendas dos mestres, a axilización das licenzas municipais e as axudas culturais do Xacobeo
pleno-sarria-xullo-concentracion-plataforma-sarria-aaire-limpo
31 Jul 2026

O pleno ordinario de Sarria estivo marcado pola concentración convocada pola Plataforma Sarria Aire Limpo ás portas da casa consistorial. Decenas de persoas participaron na mobilización para reclamar explicacións ao Goberno local pola concesión da licenza urbanística a Votorantim Cimentos e esixir transparencia, igualdade ante a lei e o cumprimento estrito da legalidade nas decisións adoptadas polo Concello.

A protesta contou tamén co apoio do BNG, cuxos representantes participaron na primeira parte da concentración antes do inicio da sesión plenaria. Ademais, a formación nacionalista trasladou ao pleno varias cuestións relacionadas coa licenza concedida á empresa, preguntando se Votorantim recibiu algún trato de favor, por que non se solicitaron os informes da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e por que non se publicou na orde do día a cuestión relativa á licenza. As preguntas foron formuladas en respaldo das reivindicacións defendidas pola plataforma cidadá.

Entre os asuntos debatidos figurou tamén unha moción presentada polo BNG para reclamar á Xunta de Galicia actuacións nas coñecidas como vivendas dos mestres. A formación advertiu do estado de abandono desta zona, situada nas proximidades dun espazo escolar, e alertou dos riscos que supón para os nenos e nenas, reclamando unha intervención urxente por parte da administración autonómica.

Pola súa banda, o Partido Popular levou ao pleno unha moción para impulsar a recuperación do Paseo das Aceas, unha infraestrutura que, segundo expuxo, presenta un importante deterioro. A proposta contou co respaldo de todos os grupos políticos da corporación e saíu adiante por unanimidade.

Os populares defenderon tamén unha segunda iniciativa na que instaron ao Goberno local a adoptar medidas que permitan axilizar a tramitación das licenzas municipais, coa finalidade de reducir os tempos de espera e mellorar a resposta administrativa tanto para particulares como para empresas, que foi aprobada cos votos a favor de BNG e PSOE, pero co voto en contra de Camiña Sarria "pola redacción dos puntos do acordo", según explicaron desde o Goberno local. O PP sinalou que existe unha crecente preocupación entre a veciñanza e os profesionais polos longos prazos actuais, que consideran un obstáculo para o investimento, o emprendemento e a actividade económica do municipio.

Finalmente, o grupo de goberno Camiña Sarria presentou unha moción na que reclamou á Xunta de Galicia unha maior planificación, transparencia e estabilidade nas axudas vinculadas ao Xacobeo destinadas ao sector cultural, aprobada cos votos a favor do BNG e PSOE, pero o voto en contra do PP. A formación sostivo que o actual modelo de financiamento prexudica ás asociacións e promotores locais, especialmente nun concello como Sarria, un dos principais puntos de paso do Camiño Francés.

Segundo recollía a iniciativa, o programa O teu Xacobeo 2026 destinou unicamente 300.000 euros para entidades sen ánimo de lucro de toda Galicia, unha contía que, ao seu xuízo, resultou insuficiente para atender a demanda existente. Camiña Sarria asegurou ademais que todos os proxectos culturais presentados desde o municipio quedaron excluídos destas axudas.

0.1155149936676