A LU-642 foi mellorada en 3,5 quilómetros no Incio entre Trascastro e a Ferrería

SarriaXa
A actuación supuxo un investimento de máis de 220.000 euros para renovar o firme e a sinalización horizontal
LU-642-O-Incio
15 May 2026

A Xunta vén de rematar as obras de mellora en 3,5 quilómetros da estrada autonómica LU-642, no municipio do O Incio, concretamente no tramo comprendido entre a ponte sobre o río Cabe, en Trascastro, e o final da vía no núcleo da Ferrería.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou este venres a zona para comprobar o resultado dos traballos, que se executaron con cargo ao contrato de conservación e mantemento das estradas da Zona Sur da provincia. O investimento destinado a esta actuación ascendeu a 220.200 euros.

As obras consistiron no reforzo do firme mediante a aplicación de formigón bituminoso en todo o ancho da calzada. Ademais, tamén se levou a cabo a renovación da sinalización horizontal no treito comprendido entre os puntos quilométricos 19+700 e 23+280.

Javier Arias destacou que esta intervención permite cumprir o compromiso do Goberno galego de rehabilitar integramente esta infraestrutura viaria, que conecta Oural, no municipio de Sarria, co concello do Incio.

A Administración autonómica xa executara actuacións anteriores nesta estrada en distintas fases. A última delas realizouse no ano 2023 entre a igrexa de San Pedro Fiz de Hospital e a ponte sobre o río Cabe, tamén dentro do termo municipal do Incio. Naquel caso, os traballos afectaron ao tramo comprendido entre os puntos quilométricos 17+150 e 19+770, cun investimento de 139.000 euros.

O delegado territorial subliñou ademais que a Xunta continúa desenvolvendo actuacións de conservación e mantemento na rede viaria da provincia de Lugo co obxectivo de mellorar a seguridade e o confort da circulación para os usuarios.

0.11387896537781