A manifestación do BNG volverá ser o acto político central do 25 de Xullo en Santiago

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
O PSdeG manterá a súa homenaxe a Castelao desde Rianxo cunha conexión en directo con Bos Aires, e o PPdeG escolleu Ourense para desenvolver o seu acto institucional
dia-de-galicia-santiago
23 Jul 2026

A celebración do Día Nacional de Galicia estará marcada un ano máis pola tradicional Ofrenda ao Apóstolo e polos actos organizados polas distintas formacións políticas. En Santiago de Compostela, o principal protagonismo recaerá na mobilización convocada polo BNG, mentres que o PSdeG manterá a súa homenaxe a Castelao desde Rianxo cunha conexión en directo con Bos Aires. Pola súa banda, o PPdeG escolleu Ourense para desenvolver o seu acto institucional.

O Bloque Nacionalista Galego celebrará este sábado a súa tradicional manifestación do 25 de Xullo baixo o lema "Somos unha nación, soberanía e dereitos nun mundo en paz". A marcha partirá ás 12.00 horas da Alameda compostelá e rematará na Praza da Quintana, onde terá lugar o acto político central da xornada.

No escenario intervirán o secretario xeral de Galiza Nova, Artai Gavilanes, e a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. A formación nacionalista aproveitará a convocatoria para reivindicar a condición nacional de Galicia e reclamar maiores cotas de soberanía e dereitos, ademais de defender un contexto internacional baseado na paz fronte ao que considera un escenario marcado polo militarismo e polo avance de posicións reaccionarias.

O Partido dos Socialistas de Galicia repetirá a súa tradicional ofrenda floral a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao na súa localidade natal, Rianxo. Nesta ocasión, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, participará de maneira telemática desde Bos Aires, onde realiza unha viaxe institucional centrada en manter encontros con representantes políticos progresistas e coa colectividade galega no exterior.

Con esta fórmula, os socialistas pretenden simbolizar a conexión entre Rianxo, berce de Castelao, e a capital arxentina, cidade desde a que o intelectual galeguista desenvolveu boa parte da súa actividade durante o exilio.

O Partido Popular de Galicia adiantou ao xoves o seu acto conmemorativo, que terá lugar no miradoiro de Bocarribeira, en Ourense. O presidente da Xunta e líder do PPdeG, Alfonso Rueda, encabezará un encontro no que tamén participarán a secretaria xeral do partido, Paula Prado; o presidente provincial de Ourense, Luis Menor, e o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos.

Os populares defenderán unha mensaxe centrada na denominada "Galicia do si", reivindicando o traballo, a unidade e a estabilidade como piares do futuro da comunidade.

Rueda participará ademais este sábado na tradicional Ofrenda ao Apóstolo, despois de presidir o día anterior o acto de entrega das Medallas de Ouro de Galicia. Nesta edición, as distincións recaerán en representantes da emigración galega, entre eles a empresaria e vicecónsul honoraria de España en Mar del Plata, Claudia Álvarez; a fiscal en Suíza Beatriz Gil; a xornalista Carla Angola e a odontóloga brasileira Camila Fernández.

Pola súa banda, Sumar Galicia xa celebrou o pasado 22 de xullo o seu acto institucional cunha homenaxe á escritora Luz Pozo Garza no Circo de Artesáns da Coruña, unha cita na que a formación puxo o foco na defensa da plurinacionalidade, o autogoberno e as maiorías progresistas.

Anova tamén participará na xornada do Día Nacional de Galicia sumándose á manifestación convocada polo BNG, aínda que sen pancarta propia. Ademais, a organización realizará unha ofrenda floral diante da estatua de Ánxel Casal, en Santiago, nun acto no que se renderá homenaxe tanto a Casal como a María Miramontes e no que intervirá o seu portavoz, Martiño Noriega.

0.13243198394775