A maxia toma o Camiño Francés e enche Sarria de espectáculos durante a terceira xornada do festival
O XXI Festival Internacional de Maxia Vila de Sarria afrontará este sábado, 22 de agosto, unha das súas xornadas máis completas, cunha programación que levará os espectáculos a diferentes espazos da vila e que terá como un dos seus momentos máis destacados a maxia no Camiño Francés, no corazón do casco histórico sarrián.
A actividade comezará ás 11.30 horas na Unión cunha conferencia exclusiva para magos impartida por Joaquín Matas. Posteriormente, ás 12.30 horas, o atrio da igrexa de San Salvador, na rúa Maior, converterase no escenario de Maxia no Camiño Francés, unha proposta que reunirá a Roberto Lolo, Bruxo Cabacín, a pallasa Lilina e Román García nun espectáculo pensado tanto para peregrinos como para veciños e visitantes.
Xa pola tarde, ás 16.00 horas, a Cafetería Central acollerá unha sesión de maxia de preto durante a sobremesa, coa participación de Lara Doiro, Sara Rodríguez e Samuel Moreno. Ás 19.00 horas, o Paseo do Malecón será escenario dun espectáculo especial para o público infantil, no que actuarán Magic Almendros, Samuel Moreno e o dúo Mino e Arthur.
A programación continuará ás 20.30 horas na Casa da Cultura cun unipersonal de maxia de preto protagonizado por Joaquín Matas, unha das figuras máis recoñecidas desta disciplina.
A gran cita da noite chegará ás 22.30 horas en Meigallo coa gala #SarriaÉMaxia, que contará sobre o escenario con Lara Doiro, Profesor MacFer, David Roy e Melanie, nun espectáculo que reunirá diferentes estilos e disciplinas do ilusionismo.
A xornada rematará á 1.00 da madrugada coa actividade A noite máxica, que terá lugar na terraza do Mesón O Castro. Samuel Moreno, Lilina, Román García, Shiro Mentalista e Joaquín Matas serán os encargados de poñer o broche final a unha intensa xornada dedicada á maxia.