A mostra aberta en Sarria 'Palestine. Here and There' reivindica a autonomía e a liberdade do pobo palestino

SarriaXa
Efrén Castro valorou na presentación da mostra o traballo da Asociación Cultural Huhu
exposicion-palestina-en-sarria
26 Jul 2026

A Asociación Cultural Huhú inaugurou en A Sede a exposición 'Palestine. Here and There', o quinto bloque expositivo da TST1 — Trienal Sarria Triennial, unha proposta que reúne o traballo de seis artistas palestinos para ofrecer unha reflexión sobre a ocupación, a identidade e a resistencia do pobo palestino a través da fotografía, o vídeo, o cinema documental e o arquivo.

A mostra naceu dunha invitación da comisaria Paula Parente Pinto á artista Ahlam Shibli, quen decidiu ampliar o proxecto incorporando tamén aos artistas Aref Massalha, Fatma Hassona, Mohamed Harb, Monther Jawabreh e Rehaf Al Batniji. Entre todos constrúen unha narrativa arredor da reconstrución da identidade palestina baixo condicións de ocupación e militarización, reivindicando a autonomía e a liberdade do seu pobo mediante distintas linguaxes visuais.

A exposición aborda cuestións como a perda do fogar, o desprazamento forzoso, a destrución e as diferentes formas de resistencia fronte ao intento de borrar a identidade e a memoria colectiva. Entre as pezas destacan as fotografías de Fatma Hassona, falecida en Gaza en 2025, nas que documentou a vida cotiá da poboación baixo os bombardeos e a destrución da Franxa de Gaza.

Ahlam Shibli presenta un conxunto de imaxes realizadas en Hebrón e Kassel, ademais do filme Nine days in Wahat al-Salam, que recolle nove días de encontros entre oito palestinos e oito israelís e a evolución da súa conciencia sobre o conflito. Pola súa banda, Aref Massalha expón fotografías realizadas durante a súa etapa como enfermeiro nunha UCI durante a pandemia da covid; Mohamed Harb mostra imaxes marcadas pola destrución da súa vivenda e do seu estudo, así como a curtametraxe Broken dreams; Monther Jawabreh analiza as transformacións políticas e o seu impacto na sociedade, mentres que Rehaf Al Batniji afonda na memoria, o desprazamento e a relación entre a historia persoal e a colectiva.

A mostra foi presentada por primeira vez hai un ano na cidade portuguesa do Porto, apenas un día antes do asasinato de Fatma Hassona en Gaza. Agora chega a Sarria, onde permanecerá aberta ao público ata o 3 de outubro.

Na inauguración, á que asistiron arredor de 85 persoas, o vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, destacou o labor da Asociación Cultural Huhú por converter Sarria nun referente da arte contemporánea e puxo en valor o contido social e político da exposición, sinalando a creación artística como unha ferramenta de resistencia fronte á opresión e á inxustiza. A mostra conta coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, o Concello de Sarria e a Fundação Calouste Gulbenkian.

A xornada serviu tamén para presentar 'As the world falls down', unha obra de Ania González e Horacio González, escrita en 2017 e recuperada agora para abrir Pés e cabeza, a nova colección editorial do selo MPH Group, impulsado pola propia Asociación Cultural Huhú.

0.16242003440857