A Noite Meiga amplía a súa programación cun espectáculo de humor de Leti da Taberna

GaliciaXa | SarriaXa
A artista galega presentará o seu monólogo 'Enredada' o 27 de agosto en Sarria, nunha edición que se estenderá por primeira vez durante tres xornadas
Leti-da-Taberna
24 Jul 2026

A Noite Meiga 2026 ampliará a súa programación cunha nova xornada dedicada ao humor. A actriz e creadora de contidos Leti da Taberna será a encargada de abrir a celebración o xoves 27 de agosto, ás 20.30 horas, no Auditorio Meigas e Trasgos de Sarria, onde presentará o seu espectáculo Enredada.

A incorporación desta actuación adianta un día o inicio da programación, que este ano se desenvolverá do 27 ao 29 de agosto. O monólogo servirá de antesala ás actividades previstas para o venres e o sábado, incorporando por primeira vez o humor escénico en galego a unha edición especialmente significativa: a 54ª Noite Meiga e a primeira que se celebra tras o recoñecemento da festa como Festa de Interese Turístico de Galicia.

Organizada pola Asociación Cultural Meigas e Trasgos, a Noite Meiga é unha das celebracións máis emblemáticas de Sarria. A festa combina a mitoloxía galega, a música e o baile tradicional, os concertos, a participación popular e o simbolismo do lume, elementos aos que este ano se suma unha proposta de comedia contemporánea vinculada á realidade social de Galicia.

Enredada é o primeiro monólogo de Leti da Taberna. No espectáculo, a artista aborda con retranca e ironía a relación que mantemos coas redes sociais e a influencia que exercen na vida cotiá. Desde unha perspectiva feminista e integramente en galego, a función presenta situacións recoñecibles co obxectivo de que o público se vexa reflectido nelas e remate rindo tamén de si mesmo. O espectáculo ten unha duración aproximada de 60 minutos.

Detrás de Leti da Taberna atópase Leticia Miraz, taberneira de nacemento e sociosanitaria de formación. En maio de 2020 comezou a publicar contidos en TikTok e, desde entón, reuniu decenas de miles de seguidores grazas a un estilo propio baseado na retranca, a crítica social, a perspectiva feminista e o uso do galego. As entradas para asistir ao espectáculo Enredada xa están á venda e teñen un prezo de 13.80 euros.

0.11980199813843