A Noite Meiga de Sarria pecha a súa edición máis especial cun gran éxito de público

SarriaXa
A celebración, que este ano estreou o recoñecemento como Festa de Interese Turístico de Galicia, reuniu música, danza, humor e tradición durante tres xornadas
Noite-Meiga-Sarria
31 Aug 2026

A Noite Meiga 2026 pechou a súa edición máis especial cun balance moi positivo e un importante éxito de público. A celebración de Sarria viviu este ano a súa primeira edición tras conseguir o recoñecemento oficial como Festa de Interese Turístico de Galicia, unha distinción outorgada pola Xunta e incorporada ao catálogo de festividades turísticas da comunidade a través dunha resolución publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG).

A programación arrancou o xoves 27 de agosto cunha das novidades desta edición, a incorporación dunha xornada dedicada ao humor. A actriz e creadora de contidos Leti da Taberna foi a encargada de abrir os actos no Auditorio Meigas e Trasgos coa representación do espectáculo Enredada.

A actividade continuou o venres 28 de agosto coa Tardiña Meiga, seguida da tradicional andaina con fachos. Xa pola noite, a música converteuse na protagonista coas actuacións de Xosé Lois Romero & Aliboria, DeNinghures e Terrae.

O sábado 29 de agosto, a programación incluíu as actuacións da Banda de Música da Comarca de Sarria, da A.F. Ancoradoira e da A.C. Meigas e Trasgos, así como o pregón pronunciado por Antía Fernández e os seus pais, Pilar García e Javier Fernández, en representación de Panadería Pallares. Durante a intervención lembraron os 150 anos de historia do negocio e as cinco xeracións que contribuíron á súa continuidade. A xornada completouse coa cea e os actos da madrugada.

Un dos momentos máis destacados da Noite Meiga foi, unha vez máis, a Danza da Noite Meiga, que este ano presentou varias novidades. O espectáculo, duns 20 minutos de duración, incorporou unha nova interpretación da lenda coa voz en off de Abraham Cupeiro como elemento introdutor. O son do karnyx marcou o comezo da representación e serviu para atraer as meigas e os trasgos ata o parque de O Chanto, onde se desenvolveron os primeiros bailes mentres a historia da Noite Meiga se narraba a través dunha combinación de música, luces e movemento.

Nesta ocasión, a danza non se trasladou ao Meigallo, como acontecía tradicionalmente, senón que se integrou nunha versión máis longa e renovada do espectáculo, unha das principais novidades desta edición.

A madrugada continuou coa actuación de Broken Peach, media hora despois da Danza da Noite Meiga, e Miquel Filaleiro foi o encargado de poñer o punto final á celebración coa súa actuación das 03.30 horas.

Coa edición de 2026, a Noite Meiga consolida así unha cita que combina tradición, cultura e espectáculo e que afronta unha nova etapa tras o seu recente recoñecemento como Festa de Interese Turístico de Galicia.

0.11074709892273