A Noite Meiga de Sarria reforza a súa posta en escena cunha representación íntegra no Chanto

SarriaXa
A danza trasladarase por completo á contorna do río para mellorar a visibilidade do espectáculo e ampliar a capacidade de público grazas a un novo dispositivo de son e iluminación
Meigas-e-Trasgos-no-Chanto-Sarria
11 Aug 2026

A tradicional danza da Noite Meiga de Sarria presentarase este ano cun importante cambio escénico ao desenvolverse integramente na contorna do Chanto. A Asociación Meigas e Trasgos deu a coñecer as novidades desta edición, que buscan realzar a representación e facilitar que un maior número de persoas poida gozar do espectáculo sen as limitacións de espazo que ofrecía o interior do Meigallo.

A principal novidade será a incorporación dun sistema específico de son e iluminación para acompañar a posta en escena, reforzando o carácter visual e teatral dunha das celebracións máis emblemáticas do calendario festivo sarrián.

Esta mellora conta co apoio económico da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e do Concello de Sarria, que asumirán o custo deste impulso escenográfico nun evento que acumula xa 54 anos de historia e que se consolidou como unha das citas culturais e populares máis destacadas da comarca.

Durante a presentación, o vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, destacou “a iniciativa de Meigas e Trasgos, que dará un novo pulo á Noite Meiga, unha festa popular que forma parte da identidade de Sarria”.

A colaboración da Vicepresidencia da Deputación esténdese tamén á programación musical da celebración, na que figuran actuacións de grupos e artistas como Xosé Lois Romero & Aliboria, De Ninghures e Terrae, completando unha oferta cultural que volverá converter Sarria nun punto de encontro para a música e a tradición galega.

0.12044715881348