A oposición fala: Iván Castro, portavoz do PSOE en Paradela

SarriaXa
Por Jessica Fernández.
Iván Castro Paradela
14 Apr 2024

Por Jessica Fernández.

Iván Castro, portavoz do PSOE de Paradela, define a política local como “a máis bonita, porque vexo o efecto que causa nos meus veciños”.

A Iván Castro, portavoz do PSOE en Paradela, sempre lle gustou a política desde moi neno. “O meu primeiro recordo foi a vitoria de Zapatero no 2004, cando eu tiña 12 anos”, sostén. Por iso, cando cumpriu os 16, o primeiro que fixo foi afiliarse e participar nas Xuventudes Socialistas, pero “sen dicir nada na casa”.

Así, forma parte do Partido Socialista de Paradela desde o 2016, cando estaba  compañeira Sonsoles de secretaria xeral do partido político. Despois dela, “un equipo novo presentámonos á secretaría xeral, e dende aí, aquí seguimos”. Esta é a segunda lexislatura na que Castro é concelleiro en Paradela.

Para Iván, a política local “é a máis bonita para a miña forma de velo, xa que vexo directamente o efecto que causa nos meus veciños” e o papel da oposición “sempre ten que ser construtivo, non estar todo o tempo no non”, explica. En Paradela moitos dos puntos nos plenos saen por unanimidade, “cando son casos de sentido común e de defender aos nosos veciños”. Despois, explica, “no executivo de obras ou servizos, cada un temos o noso punto de vista e as prioridades lóxicas da ideoloxía ou da perspectiva persoal, pero non estamos en contra de ningunha mellora para a nosa poboación, sexa da administración que sexa. Tentamos dar o punto de vista nas cousas que vemos, pero temos claro que a última palabra lle pertence ao Goberno municipal e á alcaldesa, que foron os que obtiveron máis apoios nas eleccións e, polo tanto, a potestade de gobernar estes catro anos”, defende o concelleiro socialista.

Con respecto a como axuda o PSOE a mellorar a vida dos veciños, Iván Castro defende que “nós tentamos escoitar aos veciños e axudar no que podemos, tendo en conta que non temos competencias executivas no eido municipal. Moitas veces os veciños o que precisan é información, e dentro do que sabemos tentamos proporcionala”.

A POLÍTICA, A NIVEL PERSOAL

Para Castro a política “é unha forma de vida pola que optamos voluntariamente sendo conscientes de que automaticamente te pos no disparadero; pero, por outra parte, é moi satisfactorio coñecer a todos os veciños e tentar axudalos nas súas inquedanzas e problemas”.

Porén, o principal problema, destaca, “é o tempo que ocupa, xa que sempre é a maiores das nosas ocupacións laborais, ao marxe da política, que nos proporcionan o salario que todos necesitamos para vivir, pero merece sempre a pena cando ves que podes axudar aos veciños e coñeces a moita xente coas mesmas inquedanzas das que se pode aprender moito”, argumenta.

Ademais, cre que o obxectivo de toda a xente que se dedica á política local “é ou debera ser mellorar a vida dos veciños e facilitarlles as cousas, e así o sentimos nós. Gustaríanos poder poñer en práctica os noso proxectos para Paradela e confiamos en que pronto os veciños confíen maioritariamente no noso equipo municipal para levalos a cabo”.

Por outra banda, di que está a favor de que os gobernos gobernen, “e as oposicións deixen gobernar sen paus nas rodas, facendo o seu traballo pensando no ben dos cidadáns. Todos os gobernos están para buscar a mellora das condicións dos veciños e do país, e todos os cidadáns nos podemos expresar nas eleccións regularmente convocadas. Gustaríame un parlamento menos fragmentado cunhas maiorías máis estables, pero os cidadáns españois deron esta situación, e con iso hai que facer o cesto. A labor do parlamento e da política é negociar e chegar a acordos cos representantes elixidos por todos nós, polo ben dos cidadáns e espero que esta máxima sexa a que rexa todos os parlamentos e gobernos, dende a UE ata os concellos”.

AS NECESIDADES

Por último, destacada as necesidades de Paradela, referíndose a un “Concello envellecido con necesidades sociais moi importantes dentro do coidado dos nosos maiores, que debe ser primordial”. Pero tamén cre que se lle debe facilitar a vida aos nosos novos “a posibilidade de poder aumentar as prazas para nenos de 0 a 3 anos, e, sobre todo, tentar crear postos de traballo, tanto públicos como atraendo novas empresas e negocios”.

Así, destaca que a Deputación está rematando o aparcadoiro que había proxectado no polígono, “sen o cal non se podía dar o fin de obra por parte dos técnicos e dificultaba as posibilidades do noso polígono”.

E, para finalizar, pon o foco no agro e o rural, “ao cal lle hai que facilitar o traballo cunhas boas comunicacións en camiños e estradas, así como a nosa aposta de bonificar o IBI rural para non cargalos máis de impostos e solucionarlles un dos problemas que van vir con forza, como é o tema da auga. Todo isto debe contribuír a que máis xente elixa o noso concello para vivir e formar unha familia”, conclúe.

0.14405608177185