A pista cuberta do Frei Luís de Granada de Sarria contará cun investimento de máis de 554.000 euros

SarriaXa
A Xunta licita o peche das fachadas norte e oeste e a mellora do illamento da cuberta, cun prazo de execución de cinco meses e ofertas abertas ata o 11 de novembro
patio-CEIP-Frei-Luis-de-Granada-descuberto
23 Oct 2026

A pista cuberta do CEIP Frei Luis de Granada de Sarria afrontará unha reforma para mellorar as súas condicións de uso e ampliar as posibilidades de aproveitamento destas instalacións, tanto pola comunidade educativa como polos clubs deportivos e a veciñanza. A Consellería de Educación sacou a licitación o proxecto, cun orzamento de 554.734 euros e un prazo de execución de cinco meses.

A actuación permitirá completar o peche do recinto, que actualmente mantén abertas as fachadas norte e oeste. Para iso, o proxecto contempla a colocación de paneis de formigón prefabricado de doce centímetros de grosor, así como a instalación dunha estrutura metálica horizontal que servirá de soporte para a nova fachada e para os elementos de policarbonato.

Outro dos obxectivos é mellorar o illamento térmico mediante a substitución do panel da cuberta. Ademais, as comprobacións técnicas realizadas determinaron que é necesario reforzar a estrutura existente para adaptala ás esixencias da normativa de seguridade e cálculo estrutural.

Estes traballos requirirán actuacións adicionais de escavación e cimentación para asegurar o apoio dos novos elementos e a súa conexión coa estrutura actual. O proxecto inclúe tamén o recheo e recrecido do lateral oeste e a habilitación dun acceso sen barreiras arquitectónicas.

As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 11 de novembro. A maior parte da obra está prevista para o próximo ano, con 458.458 euros consignados nos orzamentos da Xunta para ese exercicio. Os 100.000 euros restantes corresponden ao orzamento deste ano.

A reforma forma parte dos compromisos recollidos no pacto entre o PP e Camiña Sarria, que inclúe esta intervención entre as actuacións previstas para o municipio. A Xunta e o Concello xa avanzaran a intención de mellorar estas instalacións durante unha visita ao centro realizada hai aproximadamente un ano polo conselleiro de Educación, Román Rodríguez.

O incremento da demanda de espazos por parte dos clubs deportivos é un dos motivos que sustentan a intervención, que busca adaptar a pista ás necesidades do colexio e facilitar tamén o seu uso fóra do horario lectivo por parte da veciñanza.

0.14291501045227