A Pobra de San Xiao acollerá tres días de festas con Los Coleguitas, Punto Clave e o Puebla Futsal como pregoeiro

SarriaXa
A programación de San Roque inclúe Entroido de verán, paellada popular, concertos, actividades infantís e actos relixiosos ata o luns 17 de agosto
Festa-da-Escuma-Láncara
14 Aug 2026

A Pobra de San Xiao, no concello de Láncara, celebrará os días 15, 16 e 17 de agosto as tradicionais Festas de San Roque 2026, cun amplo programa de actividades organizado pola Asociación Gastronómica Cultural Patacas Novas. A cita combinará música en directo, actos relixiosos, gastronomía, animación infantil e propostas pensadas para todas as idades.

A programación arrancará o sábado 15 de agosto cun dos eventos máis singulares das festas: o Entroido de verán, que se celebrará a partir das 13.00 horas no Prado Patacas Novas baixo a temática de charramangueira e carnaval hortera. Pola tarde, ás 17.30 horas, a Charanga Chispum percorrerá as rúas da localidade antes dun dos momentos máis agardados da xornada, o pregón festivo.

Este ano, os organizadores escolleron como pregoeiro ao Puebla Futsal, nun recoñecemento á traxectoria do club e ao recente ascenso á Preferente Galicia. A comisión destaca os valores de esforzo, compañeirismo e compromiso que representa a entidade deportiva e considera que será unha honra que os seus integrantes dean o pistoletazo de saída ás celebracións.

A noite do sábado continuará coa actuación do grupo Carta de Axuste, seguida das sesións de DJ Lopqui e DJ Aleso, artista pertencente a Fetén Producciones e chegado desde Madrid.

O domingo 16 de agosto, festividade de San Roque, comezará cos tradicionais pasarrúas da Asociación Cultural Val de Láncara, que tamén acompañará a procesión tras a misa solemne das 13.30 horas. A sesión vermú correrá a cargo do dúo Belinda e durante a tarde celebrarase a tradicional comida homenaxe a Kiko.

Xa pola noite terá lugar unha paellada popular cun prezo de 10 euros e, posteriormente, volverá actuar o dúo Belinda antes dun dos pratos fortes do programa musical: a actuación de Los Coleguitas de Venezuela, unha das formacións latinas máis coñecidas do panorama musical galego. O remate da festa estará amenizado por DJ Min.

As celebracións despediranse o luns 17 de agosto cunha nova xornada de actividades relixiosas, música e lecer familiar. O grupo Punto Clave, unha das formacións máis vinculadas ás festas da localidade, protagonizará a sesión vermú e a verbena nocturna. Os organizadores destacan que a súa profesionalidade e a boa conexión co público converteron á orquestra nunha presenza habitual e moi agardada en cada edición.

A programación completarase cun espectáculo do Mago Lolo, unha Festa da Escuma, inchables na praia fluvial e unha hora de atraccións infantís sen ruído, pensadas para favorecer a inclusión de todas as nenas e nenos.

Desde a organización sinalan que as Festas de San Roque volverán converter a Pobra de San Xiao nun punto de encontro para a veciñanza e visitantes, cun programa que combina tradición, cultura popular, gastronomía e música durante tres intensas xornadas festivas.

0.24097084999084