A Pobra do Brollón, Bóveda e O Incio impulsan unha nova edición do Obradoiro Dual de Emprego

A Casa da Cultura “Olga Novo” da Pobra do Brollón acolleu a presentación dunha nova edición do Obradoiro Dual de Emprego A Pobra do Brollón, Bóveda e O Incio, unha iniciativa de formación e inserción laboral promovida de maneira conxunta polos tres concellos.
No acto participaron o alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda; o alcalde de Bóveda, José Manuel Arias; o tenente de alcalde do Incio, Ramón Mourelo; e a directora do obradoiro, Verónica Quintela, quen deron a coñecer os detalles dun programa que comezará a súa actividade este mércores.
Ao longo dos próximos nove meses, un total de 20 alumnos e alumnas-traballadores, acompañados por tres monitores, combinarán formación teórica e práctica coa realización de traballos de utilidade pública e interese social nos tres municipios participantes.
As actuacións previstas estarán relacionadas coa conservación e mellora dos montes nos concellos da Pobra do Brollón e do Incio, mentres que no caso de Bóveda os participantes desenvolverán tarefas vinculadas ás actividades en viveiros e xardíns, adquirindo coñecementos e experiencia profesional nestes ámbitos.
O Obradoiro Dual de Emprego está financiado mediante unha subvención da Consellería de Emprego e ten como principal obxectivo facilitar a cualificación profesional de persoas desempregadas, favorecendo a súa inserción laboral ao tempo que contribúen á realización de proxectos de interese para a comunidade.
Os responsables municipais destacaron a importancia deste tipo de iniciativas para promover o emprego e ofrecer novas oportunidades de formación práctica, especialmente en sectores vinculados ao medio natural e ao mantemento dos espazos públicos.