A Praza da Vila de Sarria acolle un Mercado de Nadal durante tres días

A Casa do Marqués, na Praza da Vila, converterase do 20 ao 23 de decembro nun punto de encontro do Nadal coa celebración dun Mercado de Nadal que se desenvolverá entre as 16:30 e as 20:00 horas. A iniciativa estará situada de maneira anexa ao circo no que se concentra a programación cultural destes días, creando un espazo compartido no que comercio e cultura camiñan da man.
Ao longo das diferentes xornadas, o público poderá gozar tanto do Mercado de Nadal como dos espectáculos programados, integrando nun mesmo ámbito a oferta cultural e a actividade comercial. Esta combinación permitirá que veciñanza e visitantes poidan percorrer os postos mentres participan das propostas culturais previstas para estas datas.
O mercado contará coa participación de asociacións, anpas e artesáns, que poñerán á venda produtos variados, reforzando o carácter comunitario da iniciativa e apostando polo consumo local e polo traballo artesanal como elementos centrais da celebración do Nadal.