A primeira sesión de maxia para bebés e a actuación de Jandro protagonizan o peche do Festival Internacional de Maxia Vila de Sarria

SarriaXa
O certame despídese este domingo cunha programación para todos os públicos e unha gran gala final na Praza da Vila
SARRIA maxia bebes
23 Aug 2026

O XXI Festival Internacional de Maxia Vila de Sarria chegará este domingo, 23 de agosto, á súa xornada de clausura cun programa que combina propostas innovadoras, espectáculos familiares e unha gran gala final encabezada por algúns dos artistas máis destacados desta edición. Entre os momentos máis agardados atópanse a primeira sesión de maxia para bebés celebrada en Sarria e a participación do coñecido ilusionista Jandro na gala de peche.

A programación comezará ás 12.00 horas na Casa da Cultura co primeiro espectáculo de maxia para bebés organizado no marco do festival. A actividade, dirixida a nenos e nenas de entre 1 e 6 anos, estará protagonizada por Mino e Arthur, que ofrecerán unha proposta adaptada ás idades máis temperás.

Ás 13.00 horas, o festival trasladarase ás terrazas do Paseo do Malecón cunha sesión vermú de maxia itinerante na que participarán Samuel Moreno, Román García, Lara Doiro e Sara Rodríguez, achegando os seus números ao público nun ambiente distendido.

Xa pola tarde, ás 16.00 horas, a Unión acollerá unha conferencia exclusiva para magos impartida por Sara Rodríguez. Posteriormente, ás 18.00 horas, o mesmo espazo será escenario dun espectáculo de maxia para toda a familia que contará ademais con accesibilidade en lingua de signos española. Na actuación participarán Lara Doiro, Magic Almendros, Samuel Moreno, a pallasa Lilina e Mino e Arthur.

O broche final ao festival chegará ás 22.30 horas na Praza da Vila coa gran gala de clausura, presentada por Roberto Lolo. Sobre o escenario actuarán Marina, David Roy, Shiro Mentalista, Joaquín Matas, Melanie e Jandro, un dos magos máis coñecidos do panorama nacional grazas ás súas aparicións televisivas e ao seu traballo como creador de efectos e ilusións.

Con esta última xornada, Sarria porá fin a catro días nos que a maxia volverá converterse na gran protagonista da vida cultural da vila, reunindo artistas, veciñanza e visitantes arredor dun dos festivais de ilusionismo máis consolidados de Galicia.

0.12046098709106