A recuperada Feira do Libro de Sarria foi todo un éxito de participación nas actividades culturais

A recuperada Feira do Libro de Sarria, celebrada durante esta fin de semana en Villa Andrea, na Praza da Vila, saldouse cun balance moi positivo tras rexistrar unha elevada participación, unha intensa programación cultural e unha destacada resposta do público. A iniciativa, impulsada polo Concello de Sarria en colaboración con distintos axentes culturais da vila, supuxo o regreso dunha cita chamada a consolidarse de novo dentro do calendario cultural da comarca.

No acto inaugural interveu Rocío López, quen puxo en valor o espírito colectivo do proxecto e sinalou que o obxectivo da feira era “que sexa unha renovada andaina, tomando as rendas onde o deixaron outros, asumindo a substitución neste proxecto revitalizado e aberto a todos”. Tamén asegurou sentirse honrada por abrir oficialmente a feira, aínda que recoñeceu que o mérito compartido foi esencial para facela realidade.

Na súa intervención, destacou expresamente o labor do concelleiro de Cultura, César No, e da responsable da Biblioteca Pública de Sarria, Miriam Alonso, aos que agradeceu o traballo desenvolvido para sacar adiante a proposta. “Deles é o mérito, eu lévome a satisfacción privada de ver un pequeno soño feito realidade”, afirmou.

Rocío López tamén subliñou que eran conscientes de que non partían de cero e recoñeceu experiencias previas que serviron de referencia, entre elas a recentemente celebrada Feira do Libro de Outeiro de Rei, na que tamén estiveron presentes representantes sarriás como ela mesma e Sonia Arias. Ademais, incidiu en que “o noso maior orgullo será saber que isto é de todos”.

Do mesmo xeito, tivo palabras de recoñecemento cara aos responsables públicos polo apoio prestado á cultura. Recordou que anos atrás reclamara unha maior atención institucional a este ámbito ao considerar que foi fundamental durante a pandemia, acompañando á cidadanía en momentos de dor, incerteza e perda. Neste sentido, agradeceu a César Noa e Miriam Alonso que se pasase “das palabras e os desexos aos proxectos e das promesas aos feitos”.

Na súa intervención tamén puxo en valor o potencial creativo de Sarria ao afirmar que se trata dunha vila “cargada de talento, de novas promesas, de escritores e escritoras consagrados e de decenas de creadores dotados dunha imaxinación irresistible” que, ao seu xuízo, cómpre coidar, apoiar e visibilizar. Engadiu que todos eles achegan o mellor de si mesmos con xenerosidade, poñendo o seu traballo ao servizo do entretemento e da cultura.

Así mesmo, reivindicou que a feira servise como gran celebración para os autores presentes e expresou o desexo de que as historias nacidas tras tantas horas de dedicación poidan continuar o seu camiño cara aos lectores, permitindo que os personaxes creados permanezan vivos na memoria de quen os le.

A programación do sábado estivo marcada pola variedade de propostas. A xornada incluíu a actuación do profesor de percusión da Escola de Música José Luis García. Posteriormente celebrouse unha mesa de novos talentos coa participación de Naila González, Álvaro Rodríguez e Patricia Rivas. Despois interviron Yolanda Álvarez, Ana Meilán, Lucía Vázquez e Inma Soto.
Ao remate desa sesión, a Plataforma Diversa participou cun espazo dedicado ás lecturas inclusivas na literatura infantil e xuvenil, acompañado dun contacontos inclusivo titulado Pedro, o piloto de gaivotas, a cargo de Manuel Darriba, xunto co alumnado do IES Xograr Uxía López e Diego Laureda. A mañá concluíu co espectáculo infantil de Inma Soto Sinfonía de contos. Nós tamén queremos navegar.
O domingo arrincou coa mesa O oficio de escribir: do borrador ao libro final, moderada por César Noa e coa participación de Manuel Pombo, Mirella López, Sonia Arias e Luis López Alonso.
A continuación desenvolveuse a mesa Voces e inspiración: poesía, novela, relato, teatro, moderada por Félix López 'Arlindo', na que participaron María Casar, Manuel F. Rodríguez, Luis Celeiro e Rocío López.
Como peche da feira celebrouse a mesa Memoria e territorio, moderada por Rocío López, coa intervención de Manuel Darriba, Sonia Márpez, Pilar Macía e Javier Conde.
Cómpre destacar tamén a presenza das librarías de Sarria, que contaron con espazos propios en Villa Andrea para reunir publicacións dos autores participantes e ofrecer durante dous días unha venda máis próxima e directa ao público. Desde a organización consideran que esta recuperación queda consolidada na comarca e confían en manter a iniciativa nas vindeiras edicións.